Raquel Rodríguez Espiño, nova directora de XesGalicia

venres, 4 de agosto do 2023 S. P.

Raquel Rodríguez Espiño (Madrid, 1970) será a nova directora de XesGalicia. Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais e Máster en Administración Financeira e Tributaria (en ambos os dous casos pola Universidade de Santiago de Compostela), desde 2002 é auditora inscrita no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
Rodríguez Espiño xa traballara nesta sociedade como técnico de control de participadas e dende 2017 era a directora da área de financiamento do IGAPE, e responsábel, deste xeito, do deseño das bases das convocatorias e xestión e tramitación de axudas e instrumentos financeiros destinados a apoiar a actividade económica, así como da identificación e negociación de novas fontes de financiamento para o tecido empresarial galego.
Ao longo da súa traxectoria laboral, Rodríguez Espiño realizou tarefas de auditoría e asesoramento na empresa privada e en distintas organizacións profesionais.
Raquel Rodríguez Espiño substitúe a Rubén Aguión, quen viña desempeñando este cargo desde outubro de 2020.
XesGalicia ten como obxectivo facilitar a creación e consolidación de empresas en Galicia a través de diferentes instrumentos de apoio. Na actualidade xestiona unha sociedade de capital risco (SODIGA Galicia) e catro fondos de investimento de tipo pechado: Galicia Compite, Galicia Innova Tech, Galicia Iniciativas Emprendedoras e Adiante 2000.
Durante os últimos exercicios, XesGalicia ten orientada a súa actividade cara a iniciativas empresariais vinculadas ao emprendemento e á innovación, sen deixar de atender os proxectos de crecemento ou reforzamento de empresas xa consolidadas en Galicia.