Raúl Ordóñez anima na XGN Intermax a aproveitar a IA como un superpoder

venres, 10 de outubro do 2025 Redacción

A XGN Intermax AI Edition acolleu esta tarde unha das charlas máis esperadas do seu programa: Intelixencia artificial: o teu novo superpoder, impartida polo divulgador e formador Raúl Ordóñez Jaspeante, recentemente recoñecido como Mellor Influencer de España 2025 en Ciencias e Innovación.
Durante a sesión, celebrada na Feira Internacional de Galicia ABANCA en Silleda, Ordóñez afirmou que «a intelixencia artificial non vén substituír ás persoas, senón potenciar o que nos fai únicos». O experto explicou, con exemplos prácticos e próximos, como esta tecnoloxía pode integrarse tanto na vida profesional coma na persoal para pensar, crear e traballar de maneiras que ata hai pouco semellaban imposibles.
«A IA non é maxia, pero parécese bastante a un superpoder», asegurou, ao tempo que defendeu que o verdadeiro potencial desta ferramenta reside en liberar as persoas das tarefas mecánicas para que poidan centrarse na estratexia, na innovación e na creación de novas ideas. «Non se trata de que a tecnoloxía nos substitúa, senón de que amplifique as nosas capacidades», engadiu.
O relator, unha das voces de referencia en divulgación tecnolóxica no ámbito hispano, destacou tamén que a IA é unha oportunidade para multiplicar a produtividade e a creatividade, axudando tanto a profesionais como a empresas a aforrar tempo e a enfocarse no que realmente xera valor.
A conferencia enmárcase no programa da XGN Intermax AI Edition, a maior LAN party de Galicia, que celebra este ano o seu 25º aniversario cunha edición especial dedicada á intelixencia artificial. O evento, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e co patrocinio oficial de Intermax Technology, reúne ata o domingo máis de 860 participantes e un amplo abano de actividades formativas, lúdicas e divulgativas arredor das novas tecnoloxías.