Razer comercializa un respaldo háptico

luns, 30 de setembro do 2024 Marcus Fernández

A marca de accesorios para gamers Razer tennos afeitos a produtos bastante rechamantes que moitas veces non pasan da fase de prototipo, pero desta volta o seu Project Esther conseguiu converterse nun produto comercial, o Razer Freyja, un abraiante respaldo que integra 6 bobinas con motor háptico, de xeito que durante as experiencias de xogo transmiten sensacións táctiles dinámicas sincronizadas, de xeito que podemos percibir dende fortes explosións até a sutileza dos latexos do corazón durante momentos de tensión.
Este respaldo funciona cun adaptador de corrente e pode conectarse sen fíos ao ordenador ou a dispositivos móbiles, para interactuar así coas aplicacións dispoñibles para Windows e Android, que son as que dan as indicacións para a transmisión das sensacións hápticas e que permiten axustar a intensidade dos motores en 6 niveis.
Aínda que este respaldo está pensado para a súa integración en videoxogos, tamén pode reaccionar a frecuencias sonoras en concreto, de xeito que pode aproveitarse durante a visualización de películas ou mentres se escoita música.
O que sorprende desta novidade de Razer é principalmente que ousasen a comercializar un produto tan específico a un prezo disparatado, pois o respaldo háptico comezou a venderse nos EE.UU. a 299,99 dólares (268 euros), polo que será interesante ver se ten compradores levando a que este tipo de produtos se fagan máis habituais no futuro, o quede a cousa nunha simple anécdota.

Vídeo promocional do respaldo Razer Freyja