Razer lanza un mando avanzado para Xbox One

luns, 31 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Pese a que Microsoft está a coidar aos xogadores da súa Xbox One con mandos de alta gama (chegando incluso a lanzar un lote da consola cun destes controis), dende Razer consideran que hai mercado dabondo para este tipo de produtos, e atrévese a lanzar o seu propio mando de Xbox One para os xogadores máis esixentes, o Razer Wildcat, que sairá á venda en outubro a un prezo de 179,99 euros (ou sexa, 30 euros máis caro que o de Microsoft, o que supón unha grande confianza da marca no seu produto).
Este novo mando sen fíos non só sería configurable e permitiría engadirlle gatillos adicionais, senón que tamén destacaría por unha toma de micrófono/auriculares acompañada por catro botóns que poden configurarse con atallos como enmudecer o son do xogo ou controlar o volume dun chat, ou alternar perfís, de xeito que durante unha partida non sería preciso separar as mans do mando.
Aínda así o principal atractivo deste tipo de mandos son os seus materiais e compoñentes de calidade, a súa ergonomía que permite un agarre moi confortable, a resistencia das súas pezas e o seu nivel de personalización. De feito, este mando pode presentarse cunha aparencia externa negra bastante discreta, sendo opcional a incorporación dos elementos de goma en cor verde fosforescente (que buscan dotar ao mando dun mellor agarre e unha vida máis prolongada). Para deixar claro que este produto está pensado para os xogadores máis profesionais, o mando véndese cunha bolsa de transporte (pensando en que os seus usuarios poidan levalo a competicións).

Vídeo promocional do Razer Wildcat

PUBLICIDADE