Razer pon á venda auriculares sen fíos con baixa latencia

martes, 29 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Os auriculares intrauditivos sen fíos teñen numerosas limitacións, e mentres fabricantes como Apple céntranse en detalles como a cancelación de ruído dos AirPods Pro, dende Razer pensan nos xogadores e estrean os Razer Hammerhead, uns auriculares que prometen liberdade sen fíos e contan cunha latencia de entrada ultrabaixa (60 milisegundos) que permite que o son estea ben sincronizado e así empregar auriculares Bluetooth non supoña unha desvantaxe competitiva en xogos, así como poden conseguir unha mellor experiencia consumindo vídeo e música.
A meirande parte dos auriculares Bluetooth padecen latencias que poden superar os 250 milisegundos, o que é máis que notable, o que dispositivos como os smartphones e tabletas corrixen normalmente adiando a imaxe, conseguindo así a súa sincronización, solución que non pode aplicarse aos videoxogos, de aí que os novos auriculares de Razer buscasen solucionar este importante atranco para poder gozar plenamente duns auriculares Bluetooth 5.0. Este modo gaming de baixa latencia debe activarse mediante tres toques no auricular.
Os Razer Hammerhead teñen resistencia IPX4 (polo que son aptos para a práctica deportiva), teñen diafragmas optimizados de 13 milímetros para ofrecer sons de grande calidade, poden controlarse de xeito táctil ou a través de asistente de voz, o seu estoxo de carga permite que teñan unha autonomía total de até 1 horas, inclúen fundas de silicona para unha suxeición cómoda e segura e contan con aplicación para iOS e Android (dende a que pode seleccionarse o idioma para o indicador de voz).
O prezo de venda destes auriculares é de 119,99 euros, polo que terao doado para competir con outros auriculares semellantes entre o colectivo de xogadores.

PUBLICIDADE