Razer presenta novos produtos para xogadores

mércores, 8 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

O fabricante de produtos para xogadores Razer anunciou no CES de Las Vegas interesantes novidades, entre as que podemos destacar un accesorio chamado Razer Kishi para engadirlle mandos físicos a smartphones e a solución de ordenador de escritorio Razer Tomahawk, que prometen ser o obxecto de desexo de moitos nos vindeiros meses.
O mando Razer Kishi nace da demanda non só dos videoxogos móbiles tradicionais, senón da emerxencia do xogo na nube, que vai permitir empregar os smartphones como dispositivos clientes, para os que é preciso contar cun sistema de control cómodo. Así, os elementos do Razer Kishi poden colocarse aos lados dun smartphone en horizontal (tanto con Android como con iOS) para poder gozar dun manexo tan cómodo e fiable coma o dun mando tradicional.
Este mando con varios botóns de disparo, dúas pancas analóxicas e cruceta dixital consegue unha latencia ultrabaixa ao comunicarse a través de USB-C ou Lightning, e porase á venda a primeiros deste ano.
Pero máis interesante é o Razer Tomahawk, un novo ordenador persoal para xogadores que presume de ser «realmente modular». Este equipo creado en colaboración con Intel utiliza un chasis ultracompacto Razer Tomahawk N1 e pode equiparse cun sistema Intel NUC 9 Extrema, conseguindo un equipo de escritorio compacto e potnete. O equipo ten un corpo de aluminio con laterais de cristal temperado, cunha parte superior en reixa para facilitar a ventilación. O seu deseño sorprende xa que conta cun mecanismo de apertura lateral deslizante, de xeito que cun esforzo mínimo pode accederse aos seus compoñentes sen ter que empregar ferramentas.
Este equipo pode equiparse cun procesador Intel Core i9, 64 GB de RAM e unha gráfica GeForce RTX 2080 Super, podendo o usuario actualizar a RAM e a memoria SSD de xeito doado. Conta con HDMI 2.0a, soporta até 3 pantallas 4K, ten 2 rañuras M.2, 2 portos Thunderbolt 3, 6 portos USB 3.2 e 2 portos Gigabit Ethernet. Un equipo ideal para xogadores, streamers e creadores de contidos que sairá á venda na primeira metade do ano.

JPEG - 95.4 KB
O deseño do Razer Tomahawk fai doado actualizar os seus compoñentes

PUBLICIDADE