Razer presenta un novo portátil de alta gama para xogadores

venres, 31 de maio do 2013 Marcus Fernández

Tradicionalmente para poder gozar de videoxogos ao seu máximo esplendor era preciso contar cun ordenador de sobremesa de grande tamaño, e de querer trasladar dalgún xeito a experiencia a un equipo portátil o tamaño e o peso seguían a ser un problema para considerar que estamos ante un ordenador realmente transportable, pero a compañía especializada en equipos optimizados para o xogo, Razer, está a innovar co seu novo Blade Pro, unha evolución do seu ordenador portátil de 17 polgadas que agora aparece dotado cun procesador Intel Core de cuarta xeración, a nova xeración de nVIDIA GeForce GTX 765M e sistema almacenamento de alta velocidade, conseguindo un equipo moi rápido e potente que parece chamado a converterse no referente dentro desta gama de produtos.
Estamos ante a terceira iteración do Blade Pro, que agora consegue un desenvolvemento magnífico nun formato semellante ao dos Ultrabooks. Este portátil conta cunha pantalla LED de 17,3 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080, 8 Gb de RAM, gráfica nVIDIA GeForce GTX 765M con 2 Gb de memoria dedicada, unidade SSD de 128 Gb, webcam de alta definición, altofalalantes integrados, 3 portos USB 3.0, Gigabit Ethernet, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 74 Wh, sistema operativo Windows 8, unhas dimensións de 427 x 277 x 22,4 milímetros e un peso de 2,98 quilogramos. Temos así un equipo que tanto vale para traballar como para xogar a títulos bastantes esixentes que o 3 de xuño poderá comezar a encargarse nos EE.UU. e Canadá a un prezo que parte de 2.299 dólares (para o modelo con 128 Gb de SSD, pois tamén poderá equiparse con unidades de 256 ou 512 Gb).
Para usuarios que non queiran realizar un investimento tan elevando pode conformarse co portátil Razer Blade, que ao vir cunha pantalla LED de 14 polgadas cunha resolución de 1.600 x 900 píxeles reduce o seu prezo de partida aos 1.799 dólares.


Vídeo de presentación do Razer Blade Pro

PUBLICIDADE