Razer venderá auriculares sen fíos de Pokémon

luns, 13 de abril do 2020 Marcus Fernández

Levamos uns meses nas que se desatou toda unha guerra no por facerse cun anaco do mercado dos auriculares sen fíos, que medrou espectacularmente tras o lanzamento dos Airpods de Apple, pero Razer en China vai pór á venda este xoves uns auriculares que non van destacar por autonomía, cancelación de ruído ou baixa latencia, senón polo seu deseño, xa que os auriculares veñen en cor amarela cun pequeno adorno que representa a Pikachu e o seu estoxo de carga ten a forma dunha Pokéball, de xeito que temos o produto ideal para calquera seareiro de Pokémon.
Estes novos auriculares teñen un prezo de lanzamento de 899 iuans (117 euros), soportan Bluetooth 5.0, contan cun modo de baixa latencia (algo imprescindible nuns auriculares dunha marca asociada ao mundo dos videoxogos) e teñen resistencia IPX4, polo que serían válidos para a práctica deportiva (xa que tolerarían salpicaduras e suor); aínda que a súa característica máis especial sería que os sons que ten asociados como mensaxes de sistema, en vez da típica voz humana explicando o modo de funcionamento activado, teremos gravacións de Pikachu dicindo cousas como «Pika!», «Pi-Ka-Chuۜ», «PikaPika! PikaPika!» ou «Pika!Pi-Ka-Chu», o que inicialmente pode ser un tanto confuso, pero que pode ser un detalle que adorarán os incondicionais da criatura que acompaña a Ash Ketchum.

PUBLICIDADE