Realme é xa a quinta marca de móbiles en España

luns, 30 de decembro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos meses colleu moita forza a marca económica de Oppo, Realme, que chegou a España cunha oferta moi agresiva que finalmente tivo un impacto moi superior do que poderiamos pensar se atendemos a datos de Counterpoint, consultora que salienta que esta marca conseguiu coarse en España como a quinta marca de móbiles en número de unidades colocadas no mercado.
Realme ten actualmente á venda en España smartphones como o Realme 5 (que pode atoparse a un prezo de 149 euros con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno), que consegue gañarse a un amplo público, como tamén o Realme X2 Pro, que por a partires de 399 euros ofrece unhas prestacións propias dun smartphone de alta gama (como un procesador Qualcomm Snapdragon 855+, pantalla cun refresco de 90 Hz, carga rápida de 50 watts e cámara cuádrupla con zoom híbrido de 20x), con toda unha serie de terminais intermedios que se adaptan así a un amplo abano de usuarios.
Aínda que Realme comezou a súa aventura española vendendo directamente a través da web, o feito de que comezarse a vender tamén a través de Amazon.es supuxo un paso de xigante para esta marca, que conseguiu facerse co 4,3% dos móbiles en España no mes de novembro, proporción aínda moi lonxe do 14,2% que teñen Apple e Huawei, así como do 16,8% que conseguiu conquistar Xiaomi, marca á que parece aspirar a superar Realme. A marca que continúa nunha posición envexable é Samsung, cun 33,5% dos smartphones.
Cómpre salientar que esta situación rexistrada a finais de ano é bastante irregular, xa que unha das marcas máis populares no noso territorio, Huawei, sufriu un duro revés ao non poder comerciailizar novos modelos de smartphone cos servizos de Google preinstalados, de xeito que o seu magnífico hardware quedou desbotado pola meirande parte dos consumidores ante a incerteza do que acontecerá co seu software.

PUBLICIDADE