Realme presenta un smartphone coa carga máis rápida do mercado europeo

xoves, 8 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Realmente continúa a achegar a España smartphones moi competitivos en prezo, e con prestacións cada vez máis impresionante, e como boa mostra diso temos os novos Realme 7 e Realme 7 Pro, teléfonos que apuntan a distintos públicos, contribuíndo a manter a competitividade do mercado.
O Realme 7 é o teléfono máis modesto, que poderá reservarse a partir do vindeiro día 16 para saír á venda o día 21, e que terá un prezo de 179 euros con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, 199 euros con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento e 249 euros con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.
Este teléfono está equipado co novo procesador gaming de MediaTek, o Helio G95, ten unha pantalla Full HD+ de 6,5 polgadas cunha velocidade de refresco de 90 Hz, a súa cámara traseira cuádrupla conta cun sensor principal de 48 Mpíxeles, cámara frontal de 16 Mpíxeles instalada nunha perforación en pantalla e a súa batería de 5.000 mAh ten unha carga rapida de 30 watts capaz de completar o 50% da carga en 26 minutos. Opta por un lector de impresións dixitais lateral, a súa rañura para dobre SIM tamén permite ampliar o almacenamento con tarxetas de memoria de até 256 GB e tamén conta con NFC para facilitar os pagamentos sen contacto. Un móbil pensado para quen quere potencia e autonomía a un prezo contido.
Pero o móbil que si resulta rechamante é o Realme 7 Pro, que será posible mercarse o 13 de outubro a 279 euros con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, e leva por bandeira a súa carga rápida de 65 watts, capaz de cargar completamente o dispositivo en só 34 minutos (ou de conseguir o 42% da carga da súa batería de 4.500 mAh en só 10 minutos), de xeito que sería o smartphone coa carga máis rápida dispoñible no mercado europeo.
Continuando a mellorar o atractivo deste smartphone temos que o seu procesador gaming é o Qualcomm Snapdragon 720G, a súa pantalla Full HD+ Super AMOLED de 6,4 polgadas integra cámara frontal de 32 Mpíxeles e lector de impresións dixitais, a súa cámara traseira cuádrupla ten un sensor principal de 64 Mpíxeles e incluso ten altofalantes estéreo (algo moi pouco frecuente nesta gama de prezo). Tamén conta con rañura para dobre SIM e tarxetas de memoria de até 256 GB e NFC para permitir pagamentos sen contacto. Un produto moi atractivo, que podería considerase como un referente dentro da gama media máis alta sen entrar no segmento dos móbiles con 5G.

A carga de 65 watts consegue que o Realme 7 Pro sexa un smartphone rechamante

PUBLICIDADE