Realme presenta un smartphone con SuperZoom

martes, 26 de maio do 2020 Marcus Fernández

Continúan os novos lanzamentos de Realme, fabricante chinés que chegou a España con moita forza, e que o 2 de xuño porá á venda o Realme X3 SuperZoom, un smartphone bastante completo, que ben podería ser un alta gama de 2019, pero que grazas a certos compromisos consegue situarse nun rango de prezos máis asumible. Temos así que este móbil con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento ten un prezo de 499 euros.
O Realme X3 SuperZoom está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 855+ (procesador con bastantes meses de vida, que sería a principal concesión deste teléfono), pantalla cunha velocidade de refresco de 120 Hz (que é o elemento que denota que estamos ante un smartphone de 2020), cámara cuádrupla cun sensor principal de 64 Mpíxeles con Super Zoom 60x (aínda que realmente ten un obxectivo de 8 Mpíxeles con zoom de 5x) e modo nocturno avanzado, cámara frontal dual de 32 Mpíxeles e batería de 4.200 mAh con carga rápida de 30 watts.
Pódese destacar que estamos un móbil sen 5G, que ten pantalla LCD (de aí que careza de lector de impresións dixitais en pantalla, opte por un lector integrado no botón de acendido) e certa resistencia á auga (sen certificación IP); e conte cun sistema de refrixeración de vapor (o que podería facer recomendable este terminal para xogos).
Este smartphone pódese reservar dende hoxe e, aínda que o día 2 de xuño estará dispoñible na páxina web do fabricante, non chegará a tendas físicas até o 4 de xuño.

JPEG - 1.4 MB
O novo smartphone ten confirmada unha ampla distribución en España

PUBLICIDADE