Realme presenta un smartphone económico con batería de 5.000 mAh

luns, 11 de maio do 2020 Marcus Fernández

Dende Realme non só queren conquistar a gama media, senón que agora tamén baixan o listón para achegarse á gama de entrada, e atender a demanda dun público máis amplo co novo smartphone Realme Narzo 10A, que sairá á venda o vindeiro día 22 na India a un prezo de 8.499 rupias (104 euros). Está previsto que máis adiante estea dispoñible unha versión do móbil con 4 GB de RAM e 128 GB de almacenamento a un prezo de 11.999 rupias (146 euros).
O prezo axustado non permite que sexa un dispositivo de grandes prestacións, pero o feito de que a súa batería sexa de 5.000 mAh será un detalle que animará a moitos a facerse con este terminal que posiblemente vaia ter unha das mellores autonomías do mercado e, cando menos, no seu rango de prezo. Como exemplos de autonomía aseguran que podería empregarse para navegar pola web até 25,6 horas seguidas ou falar por teléfono até 43,9 horas seguidas cunha única carga.
O Narzo 10A funciona cun procesador Helio G70, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento, pantalla HD+ de 6,5 polgadas cunha pestana superior para unha cámara frontal de 5 Mpíxeles, cámara traseira tripla cun sensor principal de 12 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 5.0, lector de pegadas traseiro toma de auriculares e carga de 10 watts a través de micro-USB. Tamén acepta até 2 tarxetas nano-SIM e unha tarxeta de memoria para ampliar o seu almacenamento interno.
Polo momento non se sabe cando chegará este dispositivo a España, pero é probable que só tarde unhas semanas, ante a previsible alta demanda que van ter os móbiles económicos nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE