Realme presenta un smartphone que muda de cor co frío

xoves, 19 de decembro do 2024 Marcus Fernández

O fabricante chinés Realme quere conseguir captar a atención do público ofrecendo unha prestacións inédita no mundo da telefonía móbil, xa que en xaneiro porán á venda a familia de móbiles Realme 14 Pro, un smartphone que presume de ser o primeiro do mundo en cambiar de cor co frío.
Os novos teléfonos de Realme contan na súa carcasa con pigmentos termocrómicos que reaccionan a cambios de temperatura, de xeito que cando a temperatura baixe dos 16 graos centígrados a traseira do smartphone pasará dunha cor branca perla a azul vibrante, incrementando a intensidade do azul en función da baixada de temperatura.
O modelo de referencia destes novos móbiles sería o Realme 14 Pro+, coa devandita traseira que cambia de cor, pantalla AMOLED de 6,7 polgadas cos catro bordes curvos e un marco de só 1,6 milímetros, procesador Qualcomm Snapdragon 7s Gen 3, cámara traseira tripla(cun sensor principal estabilizado de 50 Mpíxeles, un teleobxectivo periscópico de 50 Mpíxeles e un ultra grande angular de 8 Mpíxeles), cámara frontal de 32 Mpíxeles, flash triplo, carga rápida de 45 watts e resistencia IP69.
Polo que podemos ver, trátase dun smartphone bastante competente, que podería conseguir a atención do público a través dunha característica meramente anecdótica.