Realme reforza o seu catálogo de móbiles de gama media

martes, 14 de maio do 2024 Marcus Fernández

Hai un par de meses chegaban a España os móbiles Realme 12 Pro+ 5G e Realme 12 Pro 5G, como uns móbiles de gama media que presumían de acabados máis propios da gama alta, e agora esta familia de dispositivos medra incorporando terminais máis económicos para chegar a un número máis amplo de consumidores e así poder competir mellor con marcas como Xiaomi.
O móbil máis avanzado dos que veñen de presentarse sería o Realme 12+ 5G, que chega cunha pantalla AMOLED de 6,67 polgadas e até 120 Hz de refresco, procesador MediaTek Dimensity 7050 5G, 8/12 GB de RAM, 256/512 GB de almacenamento, unha cámara traseira tripla cun sensor principal Sony LYT-600 de 50 Mpíxeles e estabilización óptica de imaxe, unha cámara frontal de 16 Mpíxeles, unha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 67 watts, resistencia IP54 e un elegante deseño inspirado en reloxos de luxo, cuns acabados en coiro sintético que transmite a impresión de que estamos ante un terminal que custa máis que os 359,99 euros aos que chega ao mercado na súa versión con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento (estando tamén dispoñible por 419,99 euros nunha versión con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento).
Mantendo unha estética moi semellante, pero un prezo máis axustado, chega tamén o Realme 12 5G, que confórmase cun procesador MediaTek Dimensity 6100+ 5G, unha cámara traseira de menor calidade (aínda que a resolución do sensor principal chegue até os 108 Mpíxeles), cámara frontal de só 8 Mpíxeles, e unha batería de 4.880 mAh con carga rápida de 45 watts. Estas concesións permiten que este móbil poida comprarse agora mesmo a un prezo de 229 euros con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno.
Pero a cousa non queda aí, e tamén se atreven a lanzar un móbil máis axustado, o Realme 12x 5G, que por 199,99 euros ofrece un procesador MediaTek Dimensity 6100+, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento, cámara principal de 50 Mpíxeles, batería de 5.000 mAh con carga rápida de 15 watts e resistencia IP54. Unha configuración bastante completa para un móbil cun prezo tan axustado.

Vídeo promocional do Realme 12+ 5G

PUBLICIDADE