Rebaixan a Xbox Series S de cara ao Nadal

luns, 12 de decembro do 2022 Marcus Fernández

Dende Microsoft queren aproveitar a campaña de Nadal para mellorar a súa cota de mercado no mundo das consolas de videoxogos e, por iso, aplican unha rebaixa á súa Xbox Series S, que até o 24 de decembro poderá adquirirse a un prezo de 249,9 euros.
Esta consola carece de lector óptico, estando orientada aos xogos descargables e ao xogo na nube, polo que podemos entender que cun prezo tan axustado (o resto de consolas de nova xeración custan o dobre e, no caso da PlayStation 5, está a ser case imposible atopar unidades que non estean incluídas en lotes cun prezo total de preto dos 850 euros) queren atraer subscritores ao Game Pass de Xbox, que está a converterse nun servizo de subscrición sen competencia real.
A Xbox Series S ten, como principalmente vantaxe fronte as consolas da anterior xeración, o empregar almacenamento baseado en memoria de estado sólido, conseguindo así reducir significativamente os tempos de carga, á vez que tamén inclúe funcións como Quick Resume, coa que podemos cambiar rapidamente entre varios títulos diferentes e reanudar o xogo no instante no que se deixou.