Recepción oficial en Boiro á cooperativa de mercadotecnia dixital Kracia tralo seu premio en Madrid

mércores, 20 de xullo do 2022 S. P.

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, recibiu na Casa Consistorial de Boiro aos membros da cooperativa Kracia, que vén de ser galardoada pola Escola de Organización Industrial (EOI) como Mellor Proxecto Emprendedor do Ano. Participaron no encontro deste mércores 20 de xullo David Pouso, Lois Rodríguez, Uxía Santos, Antón Freire e Xacobe Galbán, integrantes da dita iniciativa empresarial e tecnolóxica.
Kracia é unha cooperativa formada por cinco mozos e mozas que se dedica á mercadotecnia (marketing dixital) e que está afincada no Viveiro de Empresas do Concello de Boiro. A cooperativa é froito da formación Márketing Dixital, Empregabilidade e Cooperativismo organizada pola Fundación Paideia Galiza, a EOI e a Deputación da Coruña coa colaboración de Deloa e o Concello de Boiro.
Cómpre lembrar que os integrantes de Kracia recibiron o pasado xoves en Madrid o devandito galardón da man da Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. É o primeiro ano que se fai entrega desta distinción na que o proxecto foi seleccionado entre todas as iniciativas xurdidas de programas formativos organizados por EOI no territorio español. “Estamos moi orgullosos de que un proxecto xerado en Boiro gañase este recoñecemento a nivel nacional e estou seguro de que servirá de exemplo para que máis mozos e mozas sigan o camiño do emprendemento”, afirmou o alcalde.
Kracia céntrase en cinco áreas: consultaría e identidade de marca, programación e desenvolvemento web, redes sociais, campañas de publicidade online e creación de contidos como imaxe e audiovisuais. “Estamos moi agradecidos por este recoñecemento e porque iniciativas como esta na que participamos promovida por entidades axuden a desenvolver proxectos en sectores con moita proxección como é o marketing dixital”, afirmaron dende Kracia.

PUBLICIDADE