Reclaman 3.000 millóns de libras esterlinas a Apple por impor iCloud aos seus usuarios

martes, 23 de xuño do 2026 Redacción

Mentres as autoridades de Competencia de Italia abre unha investigación contra Apple por un posible incumprimento da DMA, un tribunal británico vai máis aló e dá luz verde a que continúe a tramitación dunha demanda colectiva contra Apple que podería afectar a uns 40 millóns de usuarios de iCloud no Reino Unido. A acción xudicial, impulsada pola organización de consumidores Which?, reclama preto de 3.000 millóns de libras esterlinas (3.480 millóns de euros) por presuntas prácticas anticompetitivas relacionadas co servizo de almacenamento na nube.
A organización sostén que Apple encerrou os usuarios no seu ecosistema ao limitar as capacidades dos servizos rivais de almacenamento en dispositivos da marca. Segundo a demanda, esta situación permitiulle cobrar prezos superiores aos que existirían nun mercado plenamente competitivo.
Os usuarios dos dispositivos de Apple dispoñen dunha cantidade limitada de almacenamento gratuíto. Unha vez esgotado ese espazo, a empresa ofrece diferentes plans de pago de iCloud para gardar fotografías, vídeos, mensaxes, contactos e outros contidos. Os prezos actuais van desde 0,99 libras ao mes por 50 GB ata 54,99 libras mensuais por 12 TB.
Apple defende que os usuarios non están obrigados a empregar iCloud e que existen alternativas dispoñibles. Tamén argumenta que as restricións impostas aos servizos de terceiros responden a motivos de seguridade. A empresa xa cualificou as acusacións de infundadas, manifestou o seu desacordo coa decisión do tribunal e anunciou a súa intención de presentar recurso.
A reclamación foi presentada ante o Tribunal de Apelación da Competencia do Reino Unido en novembro de 2024. A directora executiva de Which?, Anabel Hoult, celebrou a decisión e afirmou que supón un paso máis para lograr unha compensación para os consumidores que, ao seu xuízo, resultaron prexudicados.
Se a demanda prosperase nos tribunais, cada afectado podería recibir arredor de 77 libras esterlinas, aínda que a contía final dependería do resultado do proceso e do número de beneficiarios.
Están incluídas automaticamente na acción colectiva as persoas que utilizaron iCloud entre o 8 de novembro de 2018 e o 8 de xuño de 2026 e que residían no Reino Unido o 8 de xuño de 2026. Quen cumpra estas condicións formará parte da demanda salvo que solicite expresamente a súa exclusión antes do 8 de outubro de 2026.
Os usuarios que non residían no Reino Unido nesa data, pero que cumpran os demais requisitos, deberán solicitar a súa inclusión de maneira activa vía web.
O xuízo non está previsto ata outubro de 2028, polo que aínda quedan varios anos antes de que exista unha resolución definitiva sobre o caso.