Reclaman 5.000 millóns de libras a Sony por abusar de posición dominante nas vendas dixitais de PlayStation

luns, 22 de agosto do 2022 Marcus Fernández

No Reino Unido o defensor dos dereitos dos consumidores Alex Neill organizou unha demanda colectiva na que 9 millóns de reclamantes demandan a Sony PlayStation 5.000 millóns de libras esterlinas (5.920 millóns de euros) por considerar que a compañía nipoa estafounos con prezos abusivos en xogos e compras dentro dos mesmos.
Aseguran que PlayStation abusou da súa posición dominante no mercado para impor termos e condicións aos editores e desenvolvedores de videoxogos que os levaban a subir os prezos de cara ao consumidor.
Estiman que os consumidores que mercaron xogos dixitais ou contidos para os mesmos a través da PlayStation Store estarían sometidos a sobrecustos que estarían entre 67 e 562 libras esterlinas por persoa, situación provocada polo feito de que os xogos (e contidos dentro dos xogos) para consolas PlayStation en formato descargable só poden adquirirse a través da PlayStation Store, o que supón unha especie de monopolio que prexudica economicamente aos consumidores, de aí que agora esixan unha importante compensación económica.
Haberá que ver o percorrido desta demanda, pero non sería sorprendente que Sony tivese que enfrontarse a acusacións semellantes a nivel europeo, pois resulta evidente que a PlayStation Store ten prezos que atentan á competencia, resultando máis caro mercar xogos descargables que en tendas (xa que as tendas teñen que aplicar descontos tras o lanzamento dos xogos para manter prezos competitivos), situación que agravarase coa nova xeracións de consolas na que hai modelos que carecen de lector óptico, polo que os seus propietarios ven reducidas as súas opcións de compra.

PUBLICIDADE