Recoñecen cun galardón o traballo do betanceiro Miguel Santos como director técnico de MásMovil

xoves, 8 de xuño do 2023 Redacción

Mobile Europe premiou a Miguel Santos, CTO do Grupo MásMovil, como director tecnolóxico do ano na categoría Gamechanger nos CTO of the Year Awards que se celebraron o pasado martes en Londres. Miguel Santos, natural do Betanzos (A Coruña) conseguiu este premio ao que aspiraban representantes doutras compañías como Virgin Media Ireland, SIRO ou TIM.
Este premio é o recoñecemento a un director de tecnoloxía que destaca por desempeñar a súa función dunha forma innovadora. Este galardón recoñece ao director de tecnoloxía que traballa por unhas infraestruturas e operacións eficientes e eficaces, e modelos de negocio que fagan uso de tecnoloxías como a IA, a analítica de datos, a automatización, as plataformas abertas e as API.
No caso do CTO de MásMovil, Mobile Europe premioulle con este galardón por ser capaz de transformar a organización introducindo unha filosofía innovadora cara a un modelo máis áxil aliñado coa estratexia e o negocio, automatizado e baseado en datos, identificando resortes fundamentais para satisfacer as necesidades estratéxicas e das áreas de negocio de grande crecemento, que supón un reto adicional para as redes e sistemas.
Miguel Santos asegura que «grazas a este cambio de modelo somos máis rápidos na xestión de proxectos e sistemas de rede que requiren unha resposta áxil e resultados de éxito en curtos períodos de tempo».
Santos incorporouse ao Grupo MásMovil no ano 2016 co cargo de director de rede, sendo promocionado en 2018 ao cargo de director de tecnoloxía, que actualmente ocupa. Por tanto, formou parte do equipo directivo que impulsou o crecemento da compañía desde o ano 2016.

PUBLICIDADE