Recoñecida internacionalmente unha investigación da unidade mixta UDC-Navantia

venres, 23 de abril do 2021 S. P.

De esquerda a dereita, Javier Pernas Álvarez, Adolfo Lamas Rodríguez e Inés Taracido López, integrantes do equipo de traballo da liña de Modelado e Simulación de Procesos de Eólica Mariña da UMI UDC Navantia, situada no Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT) do Campus de Ferrol

O Congreso Internacional I3M vén de destinguir un artigo da unidade mixta UDC–Navantia no que se desenvolve un xemelgo dixital 3D para a fabricación de plataformas offshore. A investigación foi desenvolvida polo equipo de traballo da liña de Modelado e Simulación de Procesos de Eólica Mariña, integrado por Adolfo Lamas Rodríguez, Javier Pernas Álvarez e Inés Taracido López.
O I3M recoñeceu a súa contribución co premio ao mellor artigo de investigación no EMSS, pertencente ao Congreso Internacional de Modelado e Simulación I3M que se celebrou de xeito virtual en setembro de 2020. No texto, titulado Constrained-based discrete-event simulation of an assembly job shop in the offshore wind industry, os autores desenvolven un modelo que é quen de obter, de forma automática, programacións pseudo-óptimas aplicando a mesma linguaxe e criterios que un equipo real de dirección de proxecto. Deste xeito, engaden os investigadores Javier Pernas Álvarez e Inés Taracido López, “o xemelgo dixital de procesos proporciona unha gran fidelidade xa que incorpora modelos 3D do estaleiro e máis das plataformas, o que lle permite comunicar os resultados con maior eficacia e axilidade coa intención de acelerar o proceso de toma de decisións”.
Segundo explican, “este complexo modelo de eventos discretos foi creado tendo en conta os escenarios derivados da crise sanitaria da COVID-19 no que atinxe aos procesos de fabricación, aos atrasos da enxeñaría e ás restricións de espazos e movementos nas mesas de fabricación e máis nos peiraos con respecto ás datas de entrega das plataformas e ás conseguintes penalizacións”.

PUBLICIDADE