Récord de solicitudes do modelo dixital da Deputación de Ourense para xestionar axudas a entidades

luns, 4 de agosto do 2025 S. P.

O novo modelo dixital da Deputación de Ourense para a xestión de axudas públicas a proxectos sociais recibiu récord de solicitudes, segundo informou a Deputación provincial, que salienta que estamos ante máis de medio cento de proxectos presentados e sumando un valor de 1,8 millóns de euros na convocatoria de 2025.
Trátase, engadiu a Deputación, “dun novo formato das subvencións a iniciativas en concorrencia competitiva”, impulsado pola área de Benestar, e que permite a redución da carga administrativa e a mellora da eficiencia, traducíndose na redución dos prazos de instrución e valoración de expedientes.
O presidente da Deputación, Luis Menor, e a deputada da área de Benestar, Patricia Torres, valoraron este primeiro “éxito” do modelo, resultado “da cooperación e do diálogo constante cos responsables de entidades sociais”, destacaron, lembrando que o pasado 10 de xuño, Menor e Torres reuníanse nunha xornada de traballo Centro Cultural Marcos Valcárcel con representantes de entidades sociais da provincia para poñer no seu coñecemento o novo modelo e atender as súas demandas.
O prazo de presentación de proxectos 2025 ao financiamento provincial en concorrencia competitiva rexistrou unha cifra máxima que acadou os 54 proxectos presentados por entidades sociais, moi superior aos preto de 40 proxectos presentados o exercicio anterior.