Red Dead Online pode mercarse de xeito independente

martes, 1 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Rockstar Games leva tempo comprobando como os seus xogos conseguen ter unha longa vida comercial grazas ao seu modo de xogo en liña, e no caso de Red Dead Redemption 2 quixeron ir un paso máis aló e así permiten agora mercar Red Dead Online de xeito independente para Xbox One e PlayStation 4 (que grazas á retrocompatibilidade tamén funcionan en Xbox Series e PS5) así como para PC a través das tendas de Epic Games e Steam, contando en todos os casos cunha promoción de lanzamento que permite a compra cun 75% de desconto, de xeito que o título tería un prezo de 4,99 euros.
A promoción de lanzamento durará até o 15 de febreiro, o que probablemente axudará a que moitos xogadores se sumen á experiencia de Red Dead Online, xuntando a millóns de xogadores no Oeste americano, onde gozar de distintos modos de xogo, atopar moitos contidos novos e explorar un inmenso mundo en solitario ou formando unha cuadrilla.
Cómpre lembrar que este tipo de títulos basean o seu éxito comercial nas compras dentro da aplicación, ou sexa, que Rockstar Games o que pretende é achegar ao meirande número de xogadores para que realicen compras ao longo do tempo, o que non só fai viable o mantemento do xogo a longo prazo, senón que incluso resulta máis rendible que o modelo de negocio no que os consumidores pagan por un xogo completo.

Tráiler de lanzamento da versión independente de Red Dead Online

PUBLICIDADE