Red.es achega axudas para as empresas que desenvolvan proxectos transformadores de IA

luns, 3 de agosto do 2020 S. P.

Red.es, a entidade TIC estatal, abriu o prazo de solicitudes para as axudas destinadas ás empresas que estean desenvolvendo proxectos tecnolóxicos baseados en Intelixencia Artificial e outras tecnoloxías “habilitadoras dixitais”, como aprendizaxe-máquina (Machine Learning), aprendizaxe profunda (Deep Learning), desenvolvemento de aplicacións, Internet das Cousas (IoT), cómputo na nube, análise de información a gran escala (Big Data), ciberseguridade, biometría, blockchain (cadea de bloques), Realidade Virtual e Aumentada, robótica ou impresión 3D, entre outros moitos eidos. Esta é unha das medidas, enmarcadas dentro do programa Acelera Peme, que persegue acelerar o proceso de dixitalización das pequenas e medianas empresas para “atenuar o impacto do COVID-19 na súa actividade”.
Dotada cun orzamento de 35 millóns de euros, esta convocatoria, pon o foco nas chamadas “tecnoloxías habilitadoras dixitais” que, segundo indica Red.es, supoñen avances tecnolóxicos que “van modificar enormemente o traballo”, “converténdose nun motor para a creación de postos de traballo e afectando de maneira transversal a sectores como o sanitario, a administración ou o sector educativo”.
Os proxectos estarán co-financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do período de programación 2014-2020 e os importes das axudas estarán comprendidos entre os 150.000 e os 3.000.0000 euros. A porcentaxe da axuda oscila entre o 25% e o 45% en función do tamaño da empresa, de acordo coa normativa comunitaria en materia de axudas de Estado. Ademais, os beneficiarios poderán obter financiamento a través da liña ICO-Red.es Acelera. As empresas interesadas en solicitar estas axudas poderán facelo até o 1 de agosto de 2020 e pódese consultar toda a información online.

PUBLICIDADE