Red.es convoca axudas por importe de 30 millóns de euros para a rede de Oficinas Acelera Peme

martes, 25 de febreiro do 2025 S. P.

A entidade estatal Red.es lanzou a convocatoria de axudas 2025 para a creación da rede de Oficinas Acelera Peme. Cun orzamento total de 30 millóns de euros financiados con cargo aos fondos FEDER do período 2021-2027, os importes da axuda serán como máximo o 80% do orzamento subvencionábel. Así, o importe mínimo da axuda solicitada por proxecto será de 300.000 € e o importe máximo de 410.000 €.
Red.es explica que esta convocatoria ten como finalidade “incentivar a creación e consolidación de Oficinas Acelera Peme seleccionando, en réxime de concorrencia competitiva, aos beneficiarios das axudas para impulsar a adopción das tecnoloxías polas empresas españolas, incluídas as de nova creación, especialmente as pequenas e medianas empresas (pemes), persoas autónomas e emprendedoras, así como o soporte ao emprendemento dixital nas súas diferentes fases”.
Estas axudas están enmarcadas no programa Acelera Peme de Red.es. A rede de Oficinas Acelera Peme ofrece ás empresas espazos físicos e virtuais de información, formación e asesoramento para acelerar a súa dixitalización de forma que poidan mellorar a súa competitividade e fortalecer o seu crecemento.
Poden ser beneficiarias destas axudas asociacións (incluíndo federacións, confederacións e unións destas)/destas) profesionais e empresariais, colexios profesionais e centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica que estean validamente constituídas en España.
O prazo para presentar as solicitudes é de 30 días naturais, a partir do día seguinte á publicación no Boletín Oficial do Estado.
Toda a información sobre estas axudas pode consultarse no BOE do 22 de febreiro en formato PDF.
Na actualidade a rede de Oficinas Acelera Peme conta con máis de 120 puntos de atención: unha trintena dependen de diferentes asociacións empresariais e colexios profesionais baixo fondos FEDER e o resto operan baixo fondos Next Generation EU, preto de 70 están xestionadas pola rede de Cámaras de Comercio e máis de 20 operan no ámbito rural, en municipios de menos de 20.000 habitantes, coa participación de distintas administracións locais.
Entre os labores que realizan as Oficinas Acelera Peme destacan a xeración, difusión e posta en valor de contidos sobre as vantaxes da incorporación das TIC nos procesos de negocio a través de atención persoal e remota e a celebración de xornadas técnicas e talleres prácticos. Neste contexto, asesoran na resolución de dúbidas respecto aos procesos de transformación dixital, informan sobre a obtención de financiamento público e privado, e fomentan as relacións entre os distintos axentes do ecosistema empresarial.