Red.es e AMETIC redobrarán esforzos no afianzamento das empresas en novos mercados
xoves, 20 de marzo do 2014
Red.es e AMETIC
(Asociación Multisectorial de Empresas da Electrónica e as TIC)
veñen de asinar un acordo que serve de prolongación a unha
colaboración que xa vén de 2011 e que, entre outras cousas, servirá
para impulsar a internacionalización das empresas do Estado. AsÃ
o deu a coñecer o director xeral da entidade público-empresarial,
César Miralles, no transcurso da xornada Oportunidades de
financiamento para PEME innovadora, organizada precisamente por
AMETIC.
O acordo renovado entre
ambos os organismos ten o obxectivo de favorecer a actividade externa
das empresas tecnolóxicas impulsando a súa participación en
proxectos de I+D+i europeos durante os anos 2014 e 2015. Ademais,
traballarase para que as capacidades, necesidades e intereses da
industria estatal fiquen reflectidos no segundo programa de traballo
Horizonte 2020, un programa do que puidemos
coñecer as súas liñas xerais, recentemente, no marco dunha xornada
de traballo na Universidade da Coruña (trátase dun plan de
financiamento da Unión Europea polo que se investirán nos vindeiros
sete anos 70.200 millóns de euros en proxectos de investigación e
innovación, tanto en ciencia básica como aplicada e en
transferencia de coñecemento á empresa).