Red.es informa: España supera a media europea en presenza de banda larga nas empresas

luns, 23 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Se cadra coa arela de mellorar a imaxe de España no eido do ADSL (onde até o de agora non sae moi ben parada, ficando como fica nos postos altos do ranking europeo de prezos á alza), se cadra co obxectivo de normalizar cuestións tecnolóxicas pendentes de normalizar (hai moita xente que non tivo oportunidade de saber en que consiste a Internet mesma), o caso é que Red.es vén de facer público un informe sobre a Rede en 2007 que ten máis envoltura de éxito que de fracaso. O estudo, chamado La Sociedade en Red, vén da man do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI) e, entre outras cousas, semella encamiñado a salientar o medre imparable da banda larga no Estado.
De feito, dise no informe, España xa supera a media europea en datos coma o referente á presenza de banda larga nas empresas conectadas á Internet, no que a taxa chega xa ao 88%. Pero hai máis: en España xa se rexistraron 22 millóns de persoas introducidas con maior o menor fondura nisto da Sociedade da Información (sinalar que para Red.es, un internauta é unha persoa de máis de 10 anos que se conectou “algunha vez” ao longo do dito ano).
Asemade, estes e outros factores están a influír na face mesma da Rede, na súa feitura, cunha lingua (a española) que medra a pasos axigantados na Rede incrementando a súa presenza nun 300% dende 2000 e consolidándose como o terceiro idioma da Internet, con 100 millóns de usuarios que falan en español, apunta Red.es.
Sobre os fogares
O informe do Observatorio tamén ten as súas boas doses de optimismo no relativo ao fogar e a presenza nel das canles dixitais. Segundo se apunta na dita investigación, en España a metade dos ámbitos domésticos xa tiñan en 2007 acceso á Rede, situándose no eido da banda larga o 41,5% das portas de entrada. O gasto total en servizos TIC chegou a situarse a finais de 2007 por enriba dos 3.000 millóns de euros ao trimestre, cun medre interanual do 9,1% no último trimestre. No que atinxe ao equipamento nos fogares ao longo de 2007, dicir que os eidos domésticos con tres servizos constitúen o 32,5% (fixo, móbil e Internet) e seguen a superar en número aos que contan con dous (32,4%).
Suba do móbil
O móbil confírmase unha vez máis como elemento dixital estrela en España. Deste xeito, a cifra de liñas medrou nun 37% nos últimos catros anos, pasando de 37,2 millóns en 2003 a 50,9 millóns de liñas móbiles no mes de febreiro de 2008, o que significa entre outras cousas un incremento na presenza do móbil en case un 30%.
Sobre as empresas
Segundo se apunta no informe de Red.es, España está agora na primeira posición do ranking da Unión Europea en porcentaxe de empresas con acceso á Internet que acceden a través de banda larga, cun 95%. Amais, a cifra de negocio electrónico no país situouse nos 4.250 millóns de euros a finais de 2007, o que constitúe un medre do 72% no último ano. A tecnoloxía estrela nas microempresas é a do móbil (70%), seguida do ordenador, que se sitúa no 61,25% e de Internet, co 48%. Nas medianas e grandes empresas a orde muda case á inversa, e o ordenador sitúase no 98,!5 de taxa de presenza, con Internet no 94,3%. Asemade, máis da metade das pequenas e medianas empresas teñen páxina web e, no eido das microempresas, o 20,8%.

PUBLICIDADE