Red.es inicia unha xira para dar a coñecer o programa Kit Dixital

luns, 17 de xaneiro do 2022 S. P.

A entidade estatal Red.es inicia este martes, 18 de xaneiro, unha xira de xornadas informativas de “marcado carácter práctico” que achegará o programa Kit Dixital ás pequenas empresas, microempresas e autónomos de todas as comunidades autónomas. O itinerario, que durará varios meses, diríxese a mostrar polo miúdo como se pode acceder ás axudas do programa, as vantaxes da transformación dixital das empresas e o papel facilitador que xogan os axentes dixitalizadores e outras entidades colaboradoras no proceso de tramitación e concesión dos ditos apoios.
Co fin de xerar o maior impacto, a celebración destas xornadas terá o apoio de colaboradores do ecosistema local tales como administracións autonómicas e locais, organizacións empresariais e a rede de Oficinas Acelera Peme.
A primeira parada será este martes na cidade estremeña de Mérida. As vindeiras xornadas celebraranse na Comunidade Valenciana, Galicia, Castela-A Mancha e Cantabria.
O programa Kit Dixital impulsado polo Goberno de España ten como obxectivo promover a dixitalización de pequenas empresas, micropemes e autónomos, e contribuír a modernizar o tecido produtivo español.
Está dotado cun orzamento de 3.067 millóns de euros, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos NextGenerationEU, no marco da axenda España Dixital 2025 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025, e busca transformar preto dun millón de pemes e autónomos en todo o territorio nacional de todos os sectores produtivos durante os vindeiros tres anos.

PUBLICIDADE