Red.es lanza un convite para impulsar o uso da IA e do dato nas pemes españolas
mércores, 29 de xaneiro do 2025
A entidade público-empresarial Red.es publicou un convite dirixido a entidades ou agrupacións de entidades para impulsar o uso da IA (Intelixencia Artificial) e do dato nas pemes españolas, co obxectivo de que “poidan mellorar a súa eficiencia e competitividade, en liña cos obxectivos da Década Dixital da UE”.
Os obxectivos principais desta actuación son o desenvolvemento de modelos e casos de uso de IA en colaboración con empresas e novas firmas innovadoras (startups), aplicar e experimentar estes modelos nun conxunto de pemes e startups de diferentes sectores de actividade económica, analizar a metodoloxía e os resultados obtidos, así como facilitar o uso dos devanditos modelos para as pemes.
8 liñas de actuación
Esta actuación supoñerá o desenvolvemento de modelos de Intelixencia Artificial que dean resposta aos principais retos empresariais e poñerase ao dispor, en modo servizo, de pemes e startups unha plataforma que permita a explotación dos datos, e que estes poidan ser adoptados por un número significativo de pequenas e medianas empresas de diferentes sectores de actividade.
A actuación poñerase en marcha mediante a colaboración público-privada, a través duns convenios que contemplan 8 liñas de actuación que se explican polo miúdo no convite como son: Identificación, captación e acompañamento de empresas participantes, desenvolvemento de casos de uso, mantemento, dimensionamento e operación da plataforma de IA, desenvolvemento e posta en produción de modelos/algoritmos de IA, materialización do modelo de negocio da plataforma de IA en modo servizo, estudo de impacto, difusión e posta en valor dos modelos no ecosistema emprendedor e a xestión e seguimento.
Presentación de solicitudes
A solicitude poderá realizarse a partir deste 30 de xaneiro, a través da sede electrónica de Red.es e o prazo estará aberto ata o 19 de febreiro de 2025.
O convite ten o obxectivo de seleccionar ata dúas entidades ou agrupacións de entidades que asinarán convenios de colaboración con Red.es. A duración do convenio estará vixente ata o 30 de xuño de 2026.
As entidades interesadas en participar na proposta poderán presentar a súa solicitude, unicamente por vía telemática, a través da sede electrónica de Red.es onde deberán cumprimentar o formulario electrónico habilitado para iso.
Poderán presentar solicitudes fundacións e asociacións, incluíndo federacións, confederacións ou unións destas, centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica que estean rexistrados no rexistro de centros creado polo Real Decreto 2093/2008, do 19 de decembro, e organizacións empresariais, incluíndo federacións, confederacións ou unións destas.
Os criterios de selección incluirán a valoración dos medios achegados polas entidades interesadas, a súa experiencia previa nas actividades para levar a cabo, así como a proposta de desenvolvemento das diferentes liñas de actuación contempladas e o impacto dos resultados que se obteñan.
A actuación conta cun orzamento total máximo de 24 millóns, dos que 20 millóns proceden de Red.es, financiados polos fondos europeos NextGenerationEU a través do PRTR, e 4 millóns, como máximo, que achegarán as entidades seleccionadas.