Red.es publica a segunda convocatoria de axudas do programa Kit Dixital

martes, 2 de agosto do 2022 S. P.

Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, publicou a segunda convocatoria de axudas destinadas á dixitalización de pequenas empresas de entre 3 e menos de 10 empregados (segmento II). A nova edición do Kit Dixital, cuxas novidades aparecen debulladas no BOE (en PDF), conta cun orzamento inicial de 500 millóns de euros e ten por finalidade a mellora da competitividade e do nivel de madurez dixital de empresas deste segmento.
A contía da axuda será de 6.000 euros e con ela as pemes poderán adquirir as solucións de dixitalización para áreas clave como: sitio web e presenza en Internet, xestión de redes sociais, comercio electrónico; xestión de clientes; servizos e ferramentas de oficina virtual, intelixencia empresarial e analítica, xestión de procesos, factura electrónica, comunicacións seguras, e ciberseguridade. Ademais, nesta segunda convocatoria, engádense dúas novas categorías como son presenza avanzada en Internet e marketplace.
Será a partir do 2 de setembro cando as microempresas de entre 3 e menos de 10 empregados poidan solicitar a axuda de Kit Dixital a través da sede electrónica de Red.es. O prazo para presentar as solicitudes manterase aberto durante 12 meses.
As axudas son de concorrencia non competitiva e outorgaranse de forma directa e por orde de chegada, unha vez realizadas as comprobacións do cumprimento dos requisitos esixidos na convocatoria.


PUBLICIDADE