Red.es selecciona catro proxectos galegos na súa convocatoria de turismo smart

xoves, 13 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Red.es vén de seleccionar dúas ducias de proxectos estatais para a súa convocatoria de axudas Destinos Turísticos Intelixentes, pertencentes a nove comunidades autónomas. Destas 24 iniciativas, catro son galegas: as achegadas pola Mancomunidade do Salnés (1.489.996,42 euros), a da Deputación de Pontevedra (1.900.000,00 euros), a do Concello de Ourense (2.908.410,93 euros) e a da Deputación de Ourense (2.989.022,34) euros. En total, estamos a falar de 9.287.429,69 euros para incentivar proxectos de turismo smart na nosa terra.
A resolución, publicada hoxe, prevé mobilizar un investimento total de 68.301.624 euros, dos que Red.es, entidade do Ministerio de Economía e Empresa, achegará 42.487.769 euros (o 62%), grazas ao co-financiamento do FEDER. As entidades locais faranse cargo, pola súa banda, de entre un 20% e un 40% do custo total estimado de cada iniciativa.
Segundo informou a entidade do Goberno, os proxectos beneficiarios impulsarán a aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao funcionamento de 24 entidades locais “eminentemente turísticas”, de xeito que se configuren en territorios intelixentes, “con servizos diferenciais e competitivos que garantan cousas como un desenvolvemento sustentábel e accesíbel para todos e que melloren a experiencia do visitante e a calidade de vida do residente”, informou Red.es.
Esta convocatoria estaba dirixida ás entidades locais (concellos, mancomunidades, cabidos, consells e deputacións), así como ás comunidades autónomas uniprovinciais incluídas na Enquisa de Ocupación Hostaleira, elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), cunha poboación non inferior a 20.000 habitantes. Os proxectos podían ter un orzamento máximo de 6 millóns de euros, que Red.es financiaría até nun 80%.

PUBLICIDADE