Redegal amosará o seu potencial en comercio electrónico na feira eShow de Barcelona

venres, 7 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

Redegal, empresa galega de enxeñería dixital centrada en novos recursos tecnolóxicos e desenvolvementos web, vén de anunciar que vai estar presente na feira eShow de Barcelona, edición 2014, a desenvolver os vindeiros días 12 e 13 de marzo no recinto Fira da cidade catalá. Sinalar que Redegal participa por primeira vez neste evento coincidindo coa celebración do seu décimo aniversario “e apoiada polos bos resultados cultivados con grandes contas nacionais”, informa a empresa galega, que tamén salienta a súa actividade en México, país no que se asentou definitivamente a finais do ano pasado.
Para Redegal, a feira eShow é o principal circuíto feiral na Península Ibérica e Latinoamérica, dedicado ao comercio electrónico, a mercadotecnia en liña, a hospedaxe web e a computación na nube, as redes sociais, as tecnoloxías móbiles e a sinatura dixital. Lembrar que o evento non é único nin fixo. Trátase, máis polo miúdo, de sete encontros repartidos polas principais cidades de ámbalas beiras do Atlántico, marcando Barcelona o evento inicial e reunindo ás mellores empresas tecnolóxicas de España e do resto do mundo.
Redegal acudirá a esta cita cun concepto de caseta innovadora coa que pretende transmitir de xeito simbólico os valores de seu, “valores que imprimimos en cada un dos nosos proxectos de deseño, operatividade, facilidade de uso e carácter inmediato”, informa a firma galega. As persoas que visiten o emprazamento de Redegal (caseta número 76), poderán coñecer de primeira man “os últimos proxectos da empresa no ámbito do comercio electrónico e das aplicacións móbiles, pero tamén novas solucións e contidos dixitais para a optimización das estratexias de venda e mantemento en liña de clientes”.
Entre estas solucións salientaremos a ferramenta de software libre Wirebrush4SPAM para plataformas web, comercio electrónico e comercio a través do móbil. Segundo nos conta a empresa galega, trátase dun filtro que impide o fluxo de correo lixo e que é completamente funcional e inmediato, sendo a súa principal utilidade o peneirado de comentarios introducidos nunha plataforma en liña. En termos de aplicación práctica, esta ferramenta permitirá que a nosa web poida ter un maior grao de interacción cos usuarios finais, ceibándoa dos atrancos que achega a masiva difusión de mensaxes lixo.
Asemade, estará exposto perante o público da feira un novo medio interactivo con contidos dixitais para potenciar a implicación do cliente e máis a integración das contornas en liña e fóra de liña.
Para dar conta destas e outras tecnoloxías, estarán presentes na feira Gerardo Rodríguez, director de Operacións de Redegal (que o día 13 de marzo ás 11.00 horas achegará o relatorio Do commerce ao ecommerce, unha evolución natural, onde falará do proceso de adaptación que ten que adoptar o comercio tradicional para vincular o mundo offline co online), e Hector Ferrando, director comercial de Redegal (que abordará na mesma xornada e sobre a mesma hora a cuestión da mobilidade e as facilitades que subministra para pasar da publicidade en liña directamente ás vendas).

PUBLICIDADE