Redegal celebra cunha gala en Ourense os seus vinte anos de andaina
xoves, 17 de outubro do 2024
Este mércores 16 de outubro a empresa tecnolóxica Redegal desenvolveu a gala de celebración do seu vinte aniversario. Celebrouse no Teatro Principal de Ourense, ante un nutrido grupo de representantes do tecido empresarial e político da provincia e de Galicia. Na cita participou o seu director executivo e fundador, Jorge Vázquez, e personalidades como o presidente da Xunta, Alfonso Rueda (que agradeceu o labor de Redegal a prol do tecido empresarial galego e a súa competitividade no eido dixital) ou Marisol Novoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO).
A firma galega Redegal está formada por máis de 160 profesionais distribuídos entre España e México e adícase principalmente a brindar solucións TIC como tendas en liña, desenvolvementos web e servizos avanzados de mercadotecnia dixital, entre outras contribucións ás empresas, ás administracións e á cidadanía. No seu haber figuran achegas tan destacadas como a súa ferramenta de analítica Binnacle.
Redegal, que conta cun hub en México desde hai máis de 14 anos, foi creada en Ourense en febreiro de 2004, estreitamente vencellada á ESEI (Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo), que terá un papel destacado nos nosos primeiros anos. “Naquel entón definímonos como unha empresa especializada en enxeñería informática e máis concretamente no desenvolvemento web e a seguridade cibernética”, explicou Jorge Vázquez.