Redegal celebra este 9 de novembro a súa primeira xornada de portas abertas para estudantes

mércores, 8 de novembro do 2017 Redacción

JPEG - 313.7 KB
Jorge Vázquez, CEO de Redegal, nunha imaxe de Guille Dacal

A axencia galega Redegal, especializada en servizos avanzados de desenvolvemento web e mercadotecnia en liña, vai celebrar este 9 de novembro a súa primeira Xornada de Portas Abertas na súa sede central de Ourense. A cita, que se desenvolve baixo o epígrafe Pensa en Dixital, quere facer avanzar con este tipo de actividades a súa colaboración coas universidades, colexios e institutos, dándolle a coñecer á nosa comunidade de estudantes as moitas vantaxes das profesións vencelladas ao dixital. Nesta primeira visita participarán alumnos de Bacharelato do Colexio Maristas Santa María de Ourense. O obxectivo da firma galega é conseguir que os estudantes vexan de preto os novos perfís profesionais dixitais e afonden nas diferentes saídas profesionais do ámbito tecnolóxico.
A xornada contará coas intervencións Javier Rodríguez Martínez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática e Jorge Vázquez, director executivo (CEO) de Redegal. Grazas a esta iniciativa, a empresa galega quere “reforzar a aposta polo talento local” e mostrar o seu compromiso coa Universidade de Vigo.
A xornada, como dixemos, celebrarase na sede ourensá de Redegal, no número 9 (baixo) da Avenida de Santiago. A actividade desenvolverase entre as 15.00 e as 16.30 horas.

PUBLICIDADE