Redegal lembra que o gasto medio para este Black Friday medrará un 21%
xoves, 14 de novembro do 2024
- Imaxe de descontos do Black Friday na web de RTVE
A empresa galega Redegal, consultora full digital con sede en Ourense, vén de emitir un informe sobre a campaña do Black Friday e as previsións da mesma para o sector. Segundo fai saber, o gasto medio para a edición deste ano acadará os 345€, un 21% máis que o ano pasado 284 euros).
A firma Redegal engade que o Black Friday consolidouse como unha das citas anuais imprescindíbeis para os compradores e que a súa tendencia ascendente aparece reflectida en cadanseu informe de KPMG (no que figura a dita cifra dos 345 euros) e Webloyalty, onde se di que a previsión é que o volume de compradores creza un 10% ata situarse en 220,4 millóns.
Redegal lembra tamén que en España, as vendas online durante o Black Friday de 2023 alcanzaron os 2.000 millóns de euros, un 10% máis que no de 2022. Tamén fai saber que en 2024 o prognóstico é que aumenten as cifras entre o 18% e o 24%, cunhas tendencias que indican que o 74% dos compradores, segundo datos de Deloitte, preferirán realizar as súas compras a través de Internet, “o que subliña a crecente importancia dunha estratexia dixital ben definida”.
Outra das tendencias que xa está a se consolidar é a extensión, máis aló do propio Venres Negro, das campañas de promocións. “Aínda que o Black Friday sexa o día estrela, cada vez máis se alonga durante a fin de semana e, sobre todo, co Cyber Monday, que se celebra o luns seguinte e no que priman as ofertas en liña” explican dende Redegal, engadindo que “ata un 70% dos usuarios agardan a esta data para mercar aproveitando os descontos”.
Desde Redegal sinalan algúns dos consellos imprescindíbeis para asegurar o éxito dos ecommerce durante o Black Friday:
1. Traballar a estratexia con antelación. A estratexia para o Venres Negro debe empezar con bastante antelación preparando todo o necesario para que durante eses días todo vaia o mellor posíbel. “O ideal é ter unha landing específica coas ofertas de Black Friday para darlle maior peso e que sexa máis doada para o usuario navegar por elas”, explica a empresa ourensá.
2. Estratexia de captación. “É moi importante empezar previamente coas accións de Black Friday realizando, por exemplo, unha estratexia de captación de novos acuarios con bastante antelación dando a cambio ofertas exclusivas para subscritores ou mesmo cun early pass para poder acceder días antes a elas”.
3. Emailing. Neste punto é clave usar unha boa segmentación e estratexia de emailing avisando aos usuarios desde o inicio e manténdoos informados de todos os descontos para estes días.
4. Ofrecer promocións ou agasallos especiais. “É axeitado realizar algunha promoción ou agasallo especial de benvida a aqueles usuarios que merquen por vez primeira e se suscriban durante a campaña de Black Friday”, informa Redegal, engadindo que “outro tip importante é realizar ofertas flash ou de 24 horas en produtos determinados”.
5. Construír unha estratexia multicanle: “Utilizar unha estratexia multicanle é fundamental para tocar todas as partes do funnel e conseguir non só vendas, senón tamén ampliar o máximo posíbel a rede de clientes combinando redes sociais, publicidade, accións de marca e mercadotecnia por correo electrónico, entre outros”.
“Este Black Friday perfílase como unha das maiores oportunidades para o comercio electrónico en España. As tendencias de compra en liña e o crecemento previsto resaltan a importancia dunha estratexia dixital anticipada e ben estruturada. Desde Redegal, estamos comprometidos en apoiar os nosos clientes para que aproveiten ao máximo esta data clave, impulsando non só vendas, senón tamén unha relación sólida e duradeira cos seus consumidores”, subliñou Alicia Araujo, xestora de Paid Media de Redegal.