Redegal pecha 2024 cunha facturación de 13,8 millóns de euros e un EBITDA positivo

mércores, 30 de abril do 2025 S. P.

Jorge Vázquez, presidente executivo de Redegal

A firma galega Redegal, consultora full digital de alcance global, pechou o exercicio 2024 cunha facturación consolidada de 13,8 millóns de euros, o que representa un crecemento do 37% respecto aos 10,1 millóns alcanzados en 2023.
No balance faise saber que desde 2008, a compañía mantivo unha sólida traxectoria cun crecemento composto anual (TCAC) do 25,7%, reafirmando a escalabilidade e solidez do seu modelo. Ademais, concluíu o ano fiscal cun EBITDA axustado de 800 mil euros globais, e cun EBITDA axustado en Europa de 1,1 millóns, o que equivale a un 17,02% superior ao de 2023, “reflexo dunha operativa rendíbel e sólida no seu mercado principal”, explicou a empresa galega no seu balance, engadindo que o exercicio 2024 estivo “marcado por unha decidida aposta polo investimento estratéxico, orientada a consolidar a compañía para a súa próxima etapa como empresa cotizada en BME Growth MTF Equity”.
Así, a maior parte deste esforzo investidor destinouse a tres grandes liñas: en primeiro lugar, ao proceso de incorporación a negociación en BME, que implicou un importante investimento en estrutura, asesoramento, cumprimento normativo e reforzo do goberno corporativo.
En segundo lugar, tamén cobrou importancia a continuidade operativa en Latinoamérica, especialmente en México, onde se priorizou manter a relación cos clientes e o posicionamento estratéxico (a compañía leva apostando por ese mercado máis de 15 anos e reforzando a súa posición operativa).
Finalmente, Redegal dirixiu tamén o seu esforzo investidor cara á expansión internacional, coa entrada en Portugal a través de novos proxectos (principalmente no sector bancario) e o desenvolvemento de Boostic.cloud, firma xurdida de Binnacle Data, unha nova solución propia deseñada para maximizar o rendemento das canles dixitais.
Así mesmo, os ingresos obtidos pola comercialización de licenzas de Binnacle Data durante o exercicio 2024 foron superiores aos 400 mil euros, “un dato que reflicte a notábel evolución do SaaS, que iniciou a súa comercialización para mediados de 2023 e confirma a validación do produto no mercado, así como a acertada estratexia da Compañía por ofrecer solucións propias”, sinalaron fontes da compañía galega, apuntando que “tanto Binnacle Data como Boostic.cloud son produtos clave dentro do noso plan de negocio a cinco anos coa consecuente mellora de marxe grazas á optimización de custos e a experiencia adquirida, o que reforza a aposta estratéxica de Redegal polas solucións propias como liña de ingresos recorrentes e flexíbeis aos cambios e transformacións”.
Redegal tamén destacou que no exercicio 2024 producíronse gastos extraordinarios asociados á incorporación a negociación en BME que “non afectan á operativa habitual da compañía e non deben considerarse para interpretar a rendibilidade operativa real do ano”. Estes custos extraordinarios mitigaranse a partir de 2025, “permitindo centrar os esforzos no crecemento rendíbel e a xeración sostida de caixa”.
Así mesmo, a compañía reforzou de maneira significativa a súa estrutura de capital a través de ampliacións de capital e a amortización de débeda, pechando cunha débeda financeira neta (DFN) reducida drasticamente de 4,6 millóns de euros a 0,5 euros situando o cociente DFN/EBITDA axustado en 0.6x. Redegal pechou 2024 con forte crecemento de vendas, saneou o seu balance e sentou as bases para escalar a súa oferta full-digital, coa incorporación a negociación e o desenvolvemento de produto propio como fitos para consolidar marxes e duplicar tamaño a medio prazo.
“O ano comezou cunha evolución moi positiva para nós, crecendo por encima do TCAC histórico, grazas tanto á expansión de contas existentes, como á incorporación de novos clientes nos segmentos middle market e enterprise”, sinala Redegal no seu balance, no que engade que “2024 foi un ano de transformación, e a pesar do impacto da saída a bolsa e os investimentos, o negocio medrou moito, é rendíbel en condicións normais, e saíu reforzado a nivel operativo, financeiro e estratéxico”.
“En 2025 empeza unha nova etapa con foco claro: mellora de marxes operativas, xeración de caixa e valor para o accionista”, sinalou Jorge Vázquez, presidente executivo de Redegal.