Redelibros organiza un obradoiro de microcontos online

mércores, 16 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Redelibros, a rede social galega do libro, logo do éxito de participación acadado no I Concurso de Microcontos que organizou nos pasados meses de decembro e xaneiro, vén de convocar un obradoiro de escritura de microcontos online, dirixido a todas aquelas persoas interesadas nas técnicas específicas de redacción desta orixinal modalidade literaria.
O taller, que impartirá Xosé Manuel Eyré Val, crítico e especialista da denominada Literatura Mínima ou Hiperbreve, está pensado para escritores e escritoras que queiran profundizar os seus coñecementos neste tipo de literatura “máis vangardista” e conta cun total de 20 prazas.
As persoas interesadas en participar neste curso, que por certo é de balde, xa teñen aberto o prazo de inscripción, e o único requisito que se require é estar rexistrado como usuario ou usuaria de Redelibros.
Para inscribirse, é preciso enviar un correo electrónico a redelibros@redelibros.com, e seguir as indicacións expostas nas bases do devandito obradoiro, a disposición dos usuarios interesados na Rede.
Cada participante traballará un máximo de catro microcontos, cunha extensión non superior a 500 palabras. Os textos dos escritores e escritoras participantes serán publicados na Rede (tanto as súas propostas iniciais como as resultantes do traballo do obradoiro) de xeito que os usuarios e usuarias non participantes poderán seguir e comentar a evolución dos microcontos.
Trátase, en palabras da organización, “de potenciar a literatura, dar visibilidade no mundo dixital aos autores e autoras e fomentar a creatividade”.

PUBLICIDADE