Redmi presenta o seu primeiro portátil para gamers

venres, 14 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Aínda que a comercialización de ordenadores portátiles de Xiaomi fóra de China aínda é bastante reducida, resulta interesante ver como o vindeiro día 17 van pór á venda un novo portátil orientado a gamers baixo a marca Redmi, ou sexa, que sería un portátil de liña económica para xogar, concepto que pode resultar atractivo para moitos usuarios con orzamentos limitados.
O Redmi G é un portátil de bastante potencia que chegará ao mercado a un prezo que parte dos 5.299 iuans (644 euros), prezo moi axustado para un equipo cunhas prestacións válidas para mover xogos esixentes. Nesta configuración teríamos un procesador Intel Core i5 de décima xeración, 16 GB de RAM, 512 GB de almacenamento SSD e unha gráfica nVIDIA GTX 1650 Ti; por 1.000 iuans máis (765 euros en total) engadiríamos soporte de refresco a 144 Hz á súa pantalla de 16,1 polgadas; e como configuración máxima por 6.999 iuans (850 euros) melloraríamos tamén o procesador para contar cun Intel Core i7 de décima xeración, conformando un equipo moi completo por un prezo contido.
Este atractivo portátil contaría con WiFi 6, Bluetooth 5.1, Gigabit Ethernet, 1 porto USB 2.0, 2 portos USB 3.0, 1 porto USB-C, saídas miniDisplayPort 1.4 e HDMI 2.0, toma para auriculares, altofalantes de grande potencia con soporte para DTS:X Ultra, teclado retroiluminado, webcam, batería de 55 Wh e refrixeración Hurricane Cooling 2.0 (con dobre ventilador).
Queda agora agardar para ver se o fabricante chinés atrévese a competir no complexo sector dos ordenadores para gaming fóra de China.

A posibilidade de contar cunha pantalla a 144 Hz é un dos grandes atractivos do Redmi G

PUBLICIDADE