Redondela achega unha manchea de cursos TIC para maiores de 16 anos

xoves, 7 de setembro do 2017 Redacción

Entre os Concellos galegos que nesta tempada se están a mostrar máis activos en divulgación e formación TIC atópase o de Redondela. Se hai uns días falamos das propostas de achegamento ás tecnoloxías avanzadas que propón o espazo Startupvila na Casa da Cultura local (con Daniel Cerqueiro achegando un obradoiro de mercadotecnia dixital, David Pombar expoñendo a súa experiencia en SetPay, e Paloma Barreiro fornecendo de recursos para coñecer ao cliente), un algo máis tarde o Departamento de Novas Tecnoloxías que dirixe Julio Mougán presentou o programa de cursos de balde dirixidos a persoas maiores de 16 anos. Desenvolverase entre o 11 de setembro e o 14 de decembro nas dúas aulas CeMIT coas que conta o Concello: en Redondela e en Chapela. Artellaranse en tres bloques, cada un deles acubillando cursos específicos.
A continuación damos conta das actividades, que xa teñen aberto o prazo de inscrición:
Primeiro bloque: Alfabetización informática e actividades dixitais básicas
· Iniciación á informática e Internet para adultos, cunha duración de 24 horas lectivas impartíndose en Redondela e Chapela a razón de dúas horas diarias durante un total de 12 días nos meses de setembro e outubro.
·Informática e internet para adultos, tamén de 24 horas, dúas horas diarias durante 12 días. Este curso tamén impartirase nos meses de setembro e outubro nas dúas Aulas CeMIT de Chapela e Redondela.
· Mecanografía. Curso de 24 horas que se impartirá so na aula de Redondela nos meses de outubro e novembro a razón de dúas horas diarias durante 12 días.
· Informática e Internet para maiores de 60. Na aula de Redondela durante os meses de outubro e novembro. O curso tamén é de 24 horas con dúas horas diarias durante 12 días.
· Contabilidade financeira. Curso que se impartirá na aula CeMIT de Redondela no mes de novembro. Ten 14 horas lectivas a razón de dúas horas durante 7 días.
· Windows 7. Curso intensivo de 16 horas que se desenvolverá a razón de catro horas diarias en 4 días. Terá lugar tanto en Chapela como en Redondela durante o mes de novembro.
Segundo bloque: Procura de emprego e TIC
·Deseño de currículos e cartas de presentación. Iniciativa de catro horas de duración a desenvolver nunha única xornada na aula de Redondela.
· Procura de emprego en Internet. Curso de catro horas, con dúas edicións en setembro e decembro, que se desenvolverá durante 4 horas nun só día na aula CeMIT de Redondela.
· Aplicacións móbiles (apps) para a procura de emprego. Curso de 4 horas a desenvolverse nun só día na aula de Redondela e durante o mes de decembro.
Terceiro bloque: Formación dirixida sobre todo a entidades sen ánimo de lucro: asociacións, ONG...
· PhotoShop Básico.
· Edición de video con MovieMaker.
· Presentacións de alto impacto con Prezi.
· Redes Sociais para uso persoal.

PUBLICIDADE