Redondela aposta polo emprego cun programa de formación tecnolóxica para cen persoas
martes, 20 de xaneiro do 2026
O Concello de Redondela impulsa a XIII edición do seu Programa Integrado de Emprego (PIE), no que participan un cento de veciños e veciñas desempregados do municipio. O obxectivo do plan é mellorar a formación destas persoas para que se incorporen ao mercado laboral. A alcaldesa, Digna Rivas, participou no acto de presentación xunto ao concelleiro de Emprego, Alberto Álvarez, e a responsable do programa Belén Oblanca.
Sinalaron que entre as cen persoas participantes no Programa Integrado de Emprego hai diferentes perfís de persoas desempregadas: menores de 30 anos, maiores de 52, parados de longa duración, persoas con discapacidade, mulleres e persoas en risco de exclusión social, entre outros.
O alumnado participante recibe formación en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de traballo, orientación laboral e tamén poden realizar prácticas en empresas. As accións teñen sempre en conta as demandas do mercado laboral da comarca, así como as características profesionais dos participantes. O programa deste ano inclúe tamén as tecnoloxías emerxentes e a Intelixencia Artificial, que se empregarán para analizar postos de traballo, buscar ofertas de emprego, crear currículos profesionais ou preparar entrevistas de traballo. O contacto directo co mundo laboral é outra das vantaxes da programación, con visitas guiadas a empresas, xornadas de portas abertas, clases maxistrais, asistencia a feiras de emprego, etc.
O pasado 14 de xaneiro participaron na charla Ferramentas de coaching e técnicas motivacionais para a busca de emprego a cargo da asesora Carol Juárez, experta en emprendemento.
O programa, cun orzamento de 256.000 euros, está financiado pola Consellería de Emprego e o Servizo Público de Emprego do Ministerio de Traballo, co co-financiamento do Concello de Redondela.
