Redondela moderniza a súa oferta turística cunha nova aplicación web con xeolocalización e audioguías
mércores, 22 de abril do 2026
O Concello de Redondela presentou a súa nova aplicación web, que xa está operativa en turismoredondela.com. Con esta nova ferramenta o municipio quixo dar un paso estratéxico na dixitalización do seu sector turístico, co obxectivo de ofrecer aos visitantes unha experiencia “máis accesible, moderna e completa para descubrir os tesouros do municipio”, explicou a alcaldesa, Digna Rivas.
Sinalou que a principal novidade desta plataforma é a integración dun sistema de xeolocalización. Cun deseño intuitivo e adaptado a dispositivos móbiles, a web ofrece contidos para cada recurso turístico. Con esta funcionalidade, “os visitantes poden situarse en tempo real no mapa e acceder de xeito rápido co seu móbil aos puntos de interese máis próximos, optimizando así os seus desprazamentos e facilitando o descubrimento de recunchos menos coñecidos”. Entre os puntos de interese o visitante pode atopar información sobre o Convento de Vilavella, os emblemáticos viadutos, o Cemiterio dos Eidos, a Illa de San Simón, Museo Meirande e miradoiros como o Peneda.
O desenvolvemento técnico e creativo da aplicación web foi realizado por unha empresa redondelá. Rivas subliña a importancia desta colaboración, xa que con este proxecto “non só modernizamos a nosa imaxe exterior, senón que poñemos en valor o talento local que garante unha sensibilidade especial cara ao noso patrimonio e demostra a calidade profesional que temos na nosa vila”.
O lanzamento incluíu a instalación de paneis con códigos QR en lugares estratéxicos de paso de visitantes e peregrinos (praza da Constitución, na entrada á vila por rúa Muro, paseo da Xunqueira, praza da Alfóndiga e estrada N-550 na entrada á vila polo Camiño Portugués da Costa).
A alcaldesa e a concelleira de Turismo, Rita Pérez, visitaron un dos puntos informativos con Tito Pardo, creador da plataforma. Rivas explicou que coa implementación da xeolocalización e as audioguías “poñemos ao alcance de quen nos visita todo o patrimonios cultural e natural”.
Todos os recursos contan con información en formato escrito e audio, e os usuarios poden escoller entre tres idiomas: galego, castelán e inglés, reforzando a proxección internacional de Redondela.
