Redondela prepárase para o Festival Nacional de Curtas, que se celebra a finais de abril

luns, 14 de abril do 2008 Raquel Noya

Logo do éxito acadado nas edicións anteriores, a vila pontevedresa de Redondela acolle este ano a cuarta edición do Festival Nacional de Curtametraxes, Redondela en Curto, que dará acollida a curtas de todo o país feitas coas máis innovadoras tecnoloxías así como a sesións informativas e coloquios con distintos actores e directores do mundo do cine.
Este certame, que dará comezo o vindeiro 24 de abril, pretende ser, un ano máis, “un festival competitivo no que se premie a calidade das obras” seleccionadas en dous apartados: Curtametraxes de Ficción e Premio do Público.
Como novidade, este ano, a organización decidiu non levar adiante a sección documental debido a que o número de películas deste tipo que se achegaban era cada vez menor. Pola contra, os responsables decidiron darlle máis importancia á ficción, seleccionando un número maior de curtas neste apartado.
De entre tódalas obras recibidas, o xurado (seleccionado entre profesionais, xornalistas e creadores relacionados co medio audiovisual) visionará e escollerá ás 15 mellores que serán as exhibidas no Festival.
O público asistente terá a posibilidade de outorgar o Premio do Público á súa película favorita, votando trala exhibición da mesma. O prezo para asistir a cada sesión será de 1,50 euros.
Asemade, nesta cuarta edición, a organización tratará de introducir a longametraxe no festival, a través da sección Máis minutos, para ir consolidándoa en anos vindeiros; deste xeito, o público que o desexe poderá asistir á proxección dunha longametraxe que contará coa presenza do seu director ou directora para, posteriormente, manter unha charla coloquio con el ou ela sobre a súa obra.
O festival convidará a distintas persoas relacionadas co mundo do cinema e a curtametraxe: actores, directores, produtores... para formar parte do xurado ou levar a cabo a presentación de traballos e creacións propias.
Os premios serán de 800 euros máis estatuíña para a mellor curtametraxe e de 300 euros máis estatuíña para a máis votada polo público.

PUBLICIDADE