Redrum Teatro achega este outono unha obra que reflexiona sobre o impacto que nos deixa a tecnoloxía

mércores, 6 de agosto do 2025 S. P.

A compañía galega Redrum Teatro vai rematar o verán coa estrea dunha comedia distópica que reflexiona sobre o mundo dixital no que estamos mergullados: Nas nubes, que terá a súa preestrea en outubro (data e lugar por comunicar) e a súa estrea en novembro (o 15 de novembro) no Teatro Principal de Ourense. Está escrita por José Luis Baños de Cos, dirixida por Alex Sampayo e conta cun elenco formado por Julio Abonjo, Carlota Mosquera e Guillermo Carbajo.
Sinopse
A peza sitúanos nun “futuro non tan afastado”, onde a tecnoloxía foi quen de transformalo todo, mesmo a forma en que lembramos o pasado. En Nas Nubes, Nexus e Rino guían a visitantes por un museo que exhibe estrañas reliquias da era predixital. O que comeza como unha sátira sobre o noso presente, axiña convértese nunha inquietante reflexión cando as bolboretas que emerxen dun bonsai comezan a lembrar que foron algo máis…
Entre risos, surrealismo, números circenses e xogos de improvisación, este espectáculo lánzanos unha pregunta profunda: “Que é real cando a propia lembranza desvanécese nas nubes?”
Dende Redrum Teatro avanzan que “o público, que actualmente vive inmerso en dispositivos dixitais e redes sociais, identifícase rapidamente con este espectáculo e escacha coa risa ao tempo que reflexiona sobre o impacto que a tecnoloxía ten na nosa identidade e nas nosas relacións humanas”. Esta obra tamén expón unha cuestión filosófica sobre a natureza do ser e a realidade. Son as bolboretas en realidade os humanos, ou só están a lembrar un soño? Esta confusión entre o real e o imaxinario conecta directamente coas inquedanzas contemporáneas sobre as identidades dixitais e as realidades simuladas.