Regresa a Vigo o foro que conecta a IA co sector do mar
luns, 30 de xuño do 2025
Este xoves, 3 de xullo, a Sede Afundación de Vigo acollerá a segunda edición do Fórum do Peixe e de Produtos do Mar, unha xornada técnica organizada pola revista TecnoSEAFOOD de Interempresas Media co impulso de Abanca. O encontro reunirá a expertos, empresas e entidades clave para abordar os principais retos da cadea de valor: desde o impulso ao consumo e a dixitalización, ata a sustentabilidade dos recursos e a captación de talento. A xornada combinará relatorios especializados, zona expositiva e intercambio profesional, reunindo á industria pesqueira e transformadora.
Na Sede Afundación (Abanca), e baixo o lema Do desafío á oportunidade: como impulsar a eficiencia e as vendas dun sector resiliente, esta xornada técnica dunha mañá de duración reunirá a profesionais da industria pesqueira e transformadora para poñer sobre a mesa as temáticas que realmente interesan para axudar ás empresas para converter a innovación en solucións reais, prácticas e tanxibles.
Cun programa dividido en tres bloques, a xornada abordará os tres retos principais: o aumento das vendas e as tendencias de consumo, a utilidade de novas tecnoloxías como a Intelixencia Artificial ou as altas presións na industria e a captación de talento na cadea de valor de produtos do mar.
Espazo para o networking e a exposición de novas tecnoloxías
Ademais, no II Fórum do Peixe e de Produtos do Mar os asistentes non só acoden a escoitar, senón tamén a tocar. Á axenda de relatorios súmase unha zona expositiva con innovación in situ: maquinaria de última xeración, solucións de rastrexabilidade, tecnoloxías de procesado, de envasado intelixente... Compañías líderes como Foss, Hiperbaric, Lomatec, Trevo Group, Multivac ou Grupo CIE exhibirán avances que están a revolucionar a industria auxiliar do mar. “Será unha oportunidade única para ver de preto cara a onde se dirixe o futuro do sector”, adianta a organización.
Contarase co apoio de ANFACO-CECOPESCA, Fedepesca, AZTI, CLUSAGA, Conxemar e a Plataforma Tecnolóxica Española da Pesca e a Acuicultura (PTEPA), que se suman ao impulso do Fórum, avalando a súa relevancia como evento estratéxico para o sector. O seu respaldo reforza o papel do encontro como motor de cambio, capaz de mobilizar a toda a cadea de valor e xerar propostas con impacto real na industria.
