Regresa a clase maxistral do IGFAE polo Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

martes, 18 de xaneiro do 2022 S. P.

Trala pausa prolongada en 2021 pola crise sanitaria, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) organiza a terceira edición da Masterclass de Física de Partículas dirixida ás alumnas de bacharelato o próximo venres 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A clase maxistral terá lugar na Facultade de Matemáticas e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e ten por obxectivo “promover o acceso e participación plena e equitativa das rapazas no ámbito científico”.
Segundo lembgra o IGFAE, na última edición 40 estudantes participaron nesta xornada promovida polo CERN e o Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas. As inscricións xa están abertas para dúas estudantes de 1º de Bacharelato de cada instituto ata as 23:59 do luns 24 de xaneiro. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada ata completar capacidade.
A sesión abranguerá unha serie de conferencias introdutorias á Física de Partículas actual. Ademais, farase unha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN e, posteriormente, discutiranse os resultados ‒en inglés, a ter en conta na seleccións das alumnas‒. mediante vídeo-conferencia co CERN e outros centros europeos que realicen a xornada de xeito simultáneo. Amais, farase unha pequena charla-coloquio de historias invisibilizadas de mulleres científicas, que “supoñen un exemplo de inspiración e superación das diferentes barreiras que estas tiveron (e teñen) que facer fronte ó longo da carreira científica”, segundo explican dende o IGFAE.
Os obxectivos da actividade son, por unha banda, achegar ás alumnas de bacharelato o traballo das investigadoras do instituto, mostrando deste xeito o labor científico levado a cabo por mulleres e fomentando as vocacións das nenas. Por outra banda, con esta xornada preténdese poñer de manifesto o feito “de que moitas mulleres pertencentes a diferentes culturas, países, clase, etnia e condición fixeron grandes contribucións á ciencia dende os espazos que conseguiron ocupar”.

PUBLICIDADE