Regresa a feira de talento, innovación e emprego de Santiago: Talentia Summit

xoves, 19 de outubro do 2023 S. P.

Talentia Summit, a feira do talento e do emprego de Santiago, celebrará no próximo mes de novembro unha nova edición para analizar a transformación do mercado laboral. A cita comezará cun gran foro estratéxico inaugural, o 10 de novembro. A feira de emprego celebrarase entre os días 13 e 17.
Segundo explicou o Concello, organizador do evento, a feira Talentia Summit´23 centrarase “no futuro do traballo e o rol determinante da Intelixencia Artificial e doutras tecnoloxías emerxentes”. Para tratar este temas adoptarase un formato híbrido que busca facilitar que as persoas participantes se beneficien das vantaxes das modalidades presencial e dixital.
“O evento será unha gran plataforma para o desenvolvemento profesional, grazas ás 15.000 prazas gratuítas en conferencias, obradoiros e cursos de formación online e presenciais”, explicaron fontes do Concello, engadindo que na feira de emprego está prevista a participación de máis dun cento de empresas, que ofrecerán oportunidades de emprego, pero tamén de formación ou certificacións.
O foro inaugural de Talentia Summit´23 será o 10 de novembro no auditorio do CGAC, mentres que as demais actividades presenciais terán lugar no Palacio de Congresos e Exposicións. En canto ao formato en liña, volverase activar a plataforma talentiasummit.com.
Dende o Consistorio compostelán salienta que Talentia Summit é dende os seus comezos un dos eventos de referencia no ámbito do talento e a innovación. Cun enfoque nas transformacións do mercado laboral, busca ofrecer ás persoas asistentes ferramentas e coñecementos para enfrontar os retos do futuro. A feira Talentia Summit está valorada cun 8.3 sobre 10 polos seus usuarios.

PUBLICIDADE