Regresan Vitae e Javier Garzás para mergullarnos nas metodoloxías áxiles de traballo

martes, 19 de xaneiro do 2021 S. P.

Logo do importante éxito de participación, implicación e repercusión das anteriores edicións, Vitae Consultores vén de convocar a quinta entrega do seu Curso sobre Axilidade Avanzada, impartido por Javier Garzás. Será un obradoiro práctico de oito horas que, a diferenza das primeiras edicións, virá, desta volta e por mor da complexa situación sanitaria que estamos a vivir, con formato online, a través da aula virtual de Vitae. Iso si, a cerna temática do curso permanecerá intacta: trátase dunha nova e relevante oportunidade para converternos en expertos en modelos áxiles de traballo. Vaise celebra os días 22, 23, 24 e 25 de febreiro.
Como temos destacado en ocasións previas, o Curso sobre Axilidade Avanzada da consultora viguesa Vitae ten os seus porqués nunha importante demanda das nosas e nosos profesionais, non só das novas tecnoloxías da información, senón doutros moitos sectores: a urxencia de actualizaren os seus coñecementos e avanzar en formación, desta volta unha formación de utilidade baseada en metodoloxías de traballo áxiles (Scrum, XP, etc). “Con este curso”, di Vitae, “poderemos obter algo único: todo tipo de claves e recursos (ideas, roteiros, camiños, materiais, guías) para evolucionar profesionalmente en axilidade”.
O obradoiro está dirixido a persoas con experiencia previa en axilidade e Scrum, aínda que non sexa unha base de gran amplitude. Tamén está concibido para aqueles profesionais que xa asistiran a cursos de introdución sobre as devanditas metodoloxías de traballo, sen que sexan requiridos coñecementos técnicos avanzados sobre as materias.
O temario inclúe (entre outros) os seguintes contidos: xestión do cambio áxil (o que ten funcionado e o que non), técnicas de gamificación na implantación áxil, como planificar a medio prazo (portfolio e mapas de estrada) sen deixar de sermos áxiles, estimación áxil avanzada, maneiras de traballar que non son áxiles, a importancia das retrospectivas ou unha explicación básica e potencial sobre eXtreme Programming.
A persoa encargada de impartir os contidos é Javier Garzás, doutor cum laude e enxeñeiro superior en Informática. Con estudos post-doutorais e investigador convidado na Universidade Carnegie Mellon dos Estados Unidos (onde desenvolveu tarefas de investigación en metodoloxías áxiles), é experto en equipos profesionais e en recursos innovadores para a materialización de proxectos avanzados. Até o de agora ten axudado a máis de 80 empresas a mellorar os seus procesos de xestión e traballo. A día de hoxe é profesor titular na Universidade Rei Juan Carlos. Adícase a axudar a empresas que fagan mellor software (en tempo, con produtividade, con calidade e con felicidade). É autor do blog www.javiergarzas.com, que conta cunha media de 2.500 visitas diarias.

PUBLICIDADE