Relatores de primeiro nivel xuntaranse en Vigo arredor da seguridade informática

xoves, 21 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Vigo vai acoller en abril un máis que relevante evento sobre seguridade informática e sobre as cousas que temos que ter sempre en conta para protexer, nas redes, a información propia e máis a allea. Estamos a falar do congreso ViCON 2019, impulsado polos organizadores das charlas de cibersecurity Hack&Beers e no que coopera o Concello de Vigo. Segundo se fixo saber na presentación, onte, ViCON celebrarse no MARCO e será de balde, contando con relatores de “contrastada experiencia”, que ofrecerán a súa visión e coñecementos en salvagarda do coñecemento. ViCON, un paso adiante das charlas Hack&Beers, desenvólvese os días 12 e 13 de abril.
Na presentación en rolda de prensa, o concelleiro Carlos Font fixo fincapé na importancia do congreso e no feito relevante de celebrarse en Vigo, xa que o evento vai constituír unha referencial fonte de información sobre un tema tan candente como a seguridade informática para o ámbito público e para o privado.
Antonio Fernandes, co-organizador da cita, explicou que o seu equipo ten unha ampla bagaxe en protección tecnolóxica, pero tamén en acontecementos de divulgación e debate arredor da mesma: congresos nacionais e tamén internacionais. A idea, agora, é traer toda esa experiencia a Vigo, con expertos de primeiro nivel como Joel Serna, Yago Hansen o Paula de la Hoz.
A organización engadiu que no MARCO vaise falar dos asuntos máis interesantes actualmente en materia de ciberseguridade, como son a evolución das comunicacións militares ao longo da historia ou como é posíbel roubar os datos de móbiles e ordenadores a través dos seus cargadores.
José Luis Rivas, tamén co-organizador, lembrou na rolda de prensa que as universidades galegas levan desde os anos 90 traballando na ciberseguridade, co que tanto Vigo como Galicia contan cunha ampla traxectoria docente na materia.

PUBLICIDADE