Reloxo que conta os largos que facemos na piscina
xoves, 2 de xullo do 2009
Os acelerómetros
están moi de moda grazas ao seu uso en dispositivos coma o iPhone ou o Wiimote,
que utilizan esta tecnoloxía para detectar movementos para xogos ou para
detectar a posición na que se emprega un trebello, pero os seus usos poden ser
máis variados, e a británica Swimovate integrou un no seu reloxo de pulso somerxible Pool-Mate
para permitir contar o número de largos que un nadador fai durante os seus
adestramentos (sempre que a piscina mida máis de 10 metros), de xeito que así
permite consultar información estatística coma o tempo transcorrido, o número
de brazadas por volta, a velocidade, a distancia e as calorías queimadas.
O reloxo Pool-Mate sairá á venda en xullo por 69,99 libras esterlinas (81,58
euros), e destaca fronte a outros trebellos semellantes polo feito de que o
usuario non ten que premer un botón en cada volta, xa que o acelerómetro
detecta este xiro sen
importar o estilo de natación que empreguemos.
|