Remata New Space España 2024 consolidando Vigo como referente en industria espacial
venres, 27 de setembro do 2024
A terceira edición de New Space España chegou ao seu remate logo de dúas intensas xornadas nas que congregou en Vigo a máis de 270 profesionais e 120 empresas da industria espacial nacional e internacional. Baixo o lema O camiño cara ao liderado global, as persoas asistentes puideron ver aos máis reputados representantes do sector en España falar dos seus proxectos clave e dos principais retos e tendencias. A segunda e última xornada, con 16 expertos repartidos en distintas conferencias e mesas redondas, profundou, entre outros temas, nos actores públicos do sector New Space español e na situación actual do mesmo en Iberoamérica.
Na mesa redonda Actores públicos do New Space español, moderada por Teresa Riesgo, secretaria xeral de Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, representantes de institucións públicas de renome no eido da investigación, como a Agrupación Estratéxica Aeroespacial da Universidade de Vigo, o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), o Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), a Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e a Área de Promoción do Sector Espacial de Cataluña (IEEC) destacaron a importancia de “fortalecer un tecido empresarial que permita aos profesionais do sector desenvolver a súa carreira en España; o papel clave da colaboración público-privada para aproveitar as oportunidades do New Space e asegurar o progreso tecnolóxico e económico do país; e a necesidade de integrar ás universidades no día a día do sector, formando a enxeñeiros e doutores que cubran as demandas da industria”.
Riesgo lembrou o impulso que viviu o sector nos últimos anos con iniciativas como o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) Aeroespacial, que mobilizou preto de 2.800 millóns de euros en fondos públicos para apoiar a creación de empresas e coordinar o sector. Entre os seus proxectos, destacou a creación da Axencia Espacial Española (AEE) o pasado ano.
New Space España 2024 continuou coa conferencia Integrando o mellor dos dous mundos, conducida por Miguel Ángel Molina, space council chairman en GMV, quen na súa exposición abordou a evolución do concepto New Space e como este enfoque “transformou a industria espacial ao incorporar innovación tecnolóxica e unha maior participación de empresas privadas”. Con todo, seguindo a liña exposta na xornada anterior por Juan Carlos Cortés, director da Axencia Espacial Española, Molina propuxo avanzar cara a un novo termo: o Next Space, xa que o actual comeza a ficar obsoleto fronte aos retos do futuro. Subliñou que o Next Space debe adaptarse ás necesidades do mercado, fomentar a colaboración público-privada e manter o foco na sustentabilidade e a accesibilidade. Segundo as súas palabras, “é o mercado o que realmente marca as pautas”.
A continuación, na conferencia Impulso ao New Space no seo da ESA, Emilio Vez, xefe da Sección de Política Industrial na Axencia Espacial Europea (ESA), subliñou como a unión entre a ESA e o New Space transformou a xestión de proxectos, acelerando o time to market e enfocando as solucións cara ao cliente. Vez resaltou que o sector non é un tipo de empresa, senón un enfoque que impactou positivamente en sectores como o financeiro e que, a través de programas como Boost!, NAVISP ou InCubed, entre outros moitos, está a promover a comercialización e adopción de tecnoloxías espaciais. En canto a España, destacou a súa participación crucial na vindeira misión de defensa planetaria Hera, que se lanzará o próximo mes.
Ao finalizar a conferencia, Luis Martín, co-CEO de Arribes, tomou a substitución para presentar o programa ESA Technology Brokers, deseñado para facilitar a comercialización de tecnoloxías espaciais. “Non somos un programa de I+D nin de innovación, somos un programa de vender”, afirmou, salientando a misión de maximizar os beneficios da tecnoloxía espacial para os europeos. Ademais, destacou que España é o único país que conta cos catro programas de Technology Brokers: Technology Brokerage, Spark Funding, IP for Commercialization e Prepare 4 Space.
Como peche do programa de New Space España 2024, representantes da empresa Astralintu Space Technologies e institucións públicas iberoamericanas como a Universidade de Brasília, a Asociación Chilena do Espacio (ACHIDE) e a Secretaría de Ciencia e Tecnología de Salta (Arxentina), debateron as diversas realidades e desafíos que enfrontan os países iberoamericanos no ámbito espacial na mesa redonda Unha xanela ao New Space Iberoamericano, moderada por María Cristina Vives Ruiz, responsábel de negocios Space en Indra Espacio.
Os expertos puxeron sobre a mesa a importancia de fortalecer a cooperación internacional, destacando que as empresas privadas deben traballar da man cos gobernos, que regulan as súas actividades. Insistiron na percepción de que a industria carece de financiamento e a necesidade de desenvolver “propostas de valor únicas”.
Pola súa banda, o representante da Provincia de Salta, Livio Gratton, lembrou que Arxentina foi un os países pioneiros no envío de seres vivos ao espazo, aínda que sinalou que moitas empresas aínda loitan por pechar o círculo financeiro. Loreto Moraga, presidenta de ACHIDE, salientou a evolución do sector espacial no seu país, avogando por unha maior colaboración e entendemento sobre a relevancia do espazo na vida cotiá. Este debate evidenciou, en palabras dos relatores, “a necesidade dun enfoque conxunto que permita a Iberoamérica capitalizar as súas capacidades no New Space”.
Na clausura do congreso, Antonio Vázquez, responsábel de Desenvolvemento de Negocio da firma glaega Alén Space, asegurou que "a ambición do sector necesita unha burocracia áxil e eficaz", instando a pensar na ambición como un proceso continuo que debe verse reflectido na vindeira edición de New Space.
Pola súa banda, David Regades, delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, destacou a evolución do eido espacial en Galicia grazas ao labor do director da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, Fernando Aguado, e o apoio da empresa GMV, afirmando que "New Space España é un punto de encontro e unha marca de futuro".
Finalmente, Teresa Riesgo, secretaria xeral de Innovación no Goberno, subliñou o crecemento dun sector como é o aeroespacial, no que a aposta do Executivo central foi enorme, manifestando o seu optimismo sobre o futuro e a apertura do ministerio a novas ideas e proxectos.
Esta terceira edición de New Space España, organizada pola empresa galega Alén Space, contou con GMV, DHV Technology e Indra como principais patrocinadores, aos que se lles uniu o apoio de institucións públicas como o Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Xunta de Galicia e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo; e o patrocinio doutras empresas de referencia na industria espacial, como UARX Space, Acorde Space & Defense, Airbus, Deimos, Geosat, PLD Space, Satlantis, Startical, Telespazio, Alter Technology, Ansys, Arkadia Space, IENAI Space, Kreios Space, Rohde & Schwarz e Siemens.