Remata Smartz4Milk marcando un antes e un despois na transformación do lácteo galego
xoves, 26 de xuño do 2025
O proxecto Smartz4Milk para modernizar o sector lácteo galego a través da dixitalización, a sustentabilidade e a trazabilidade, chegou ao seu remate tras meses de traballo colaborativo entre empresas industriais, tecnolóxicas, universidades e centros de coñecemento. O peche celebrouse cunha mesa redonda no marco do Foro Galicia Alimentación, onde se presentaron os principais logros do proxecto e debateuse sobre o futuro do sector. Baixo o título Reinventar o sector lácteo: innovación e colaboración para un sector clave, participaron representantes de empresas como Grupo Lence, Bico de Xeado, CAPSA Vida e Queixería Prestes, coa moderación de Hugo Criado (Medrar Innovation Office).
Promovido polo Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) a través da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, Smartz4Milk contou cun financiamento de 9,7 millóns de euros do Ministerio de Industria e Turismo e da Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU, no marco do PERTE Agroalimentario.
O proxecto reuniu a 11 empresas —7 do sector lácteo e 4 tecnolóxicas— co obxectivo de afrontar os grandes retos do sector: mellorar a competitividade, reducir o impacto ambiental, garantir a rastrexabilidade completa dos produtos e facilitar a toma de decisións baseada en datos.
Principais avances e resultados do proxecto
Ao longo do proxecto desenvolvéronse 18 subproxectos primarios, organizados en tres grandes eixos: dixitalización, sustentabilidade e rastrexabilidade. Estes son algúns dos fitos destacados por empresa participante:
AMSlab
Puxo en valor a rastrexabilidade como ferramenta estratéxica para garantir procesos máis sostibles e transparentes. Grazas ao proxecto, desenvolvéronse novos métodos analíticos para o estudo de proteínas do leite en fases clave da produción, permitindo detectar variacións nos procesos e mellorando a eficiencia xeral do sector.
ASM Soft
Desenvolveu unha solución dixital para xestión de operacións da industria láctea, que permita ás pemes participantes avanzar cara a modelos de fábrica conectada, xerando un sistema adaptable, flexible e replicable para outras empresas do sector. A solución dispón dunha integración con PITSA e con algoritmos de IA para a análise avanzada de datos.
Bico de Xeado
Traballou no desenvolvemento dunha nova referencia de produto apoiada en tecnoloxía de infravermellos. Tamén mellorou a eficiencia dos seus procesos internos con ferramentas de Big Data e deseñou un sistema de rastrexabilidade e seguridade alimentaria que integra blockchain, proteómica e Intelixencia Artificial cuántica.
CAPSA Food
Puxo o foco na mellora do proceso produtivo. Desde a conceptualización da plataforma PITSA, a compañía detectou novos puntos de información que antes non eran visibles, o que facilita a optimización da toma de decisións en tempo real.
CLUN
Logrou un dos maiores desafíos do sector. A cooperativa conseguiu establecer un sistema para o intercambio seguro de datos entre dispositivos, sistemas e servizos, un paso fundamental cara á conectividade de planta.
Grupo Lence
Integrou todos os seus datos de rastrexabilidade nunha plataforma única. Esta ferramenta permite controlar de forma sinxela toda a cadea, desde a recollida do leite, pasando pola súa transformación, ata a distribución do produto final. O novo sistema mellorou a transparencia, simplificado procesos e aumentado a capacidade de resposta.
Queixería Prestes
Logrou converter residuos xerados na planta queixeira en novos produtos sostibles e de alto valor engadido. Ademais de investigar no uso de novos materiais con quitosano e extracto de ortiga como envases biodegradables innovadores que mantivesen o afumado característico dos seus queixos. Finalmente, habilitouse un sistema avanzado de tratamento de augas residuais baseado en humidais artificiais mixtos, que permitiu reducir a pegada hídrica da planta.
Queizuar
Logrou a dixitalización completa da súa planta, incorporando sensores para análises en liña, sistemas de rastrexabilidade durante a curación dos queixos e control de etiquetaxe mediante Visión Artificial. Tamén mellorou a súa eficiencia no uso de recursos, reforzando o seu compromiso coa sustentabilidade.
Plexus Tech
Traballou no deseño de ferramentas preditivas que permiten anticipar necesidades de mercado e a industria, e adaptar procesos en función da evolución do sector. As solucións aplicadas permiten trazar o produto de forma completa, desde a orixe ata o consumidor, certificándoas en blockchain.
Sixtema
Desenvolveu solucións adaptadas ás necesidades reais do sector. A empresa destacou o valor do proxecto para conectar todos os elos da cadea e achegar a tecnoloxía tanto a compañías familiares como a estruturas máis industrializadas.
Ademais das solucións tecnolóxicas desenvolvidas, Smartz4Milk xerou un novo modelo de cooperación no sector, integrando coñecemento, datos e procesos para afrontar os grandes retos do presente e do futuro.
O proxecto permitiu sentar as bases para “unha industria láctea máis eficiente, sostible e conectada”, sinalaron dende CLUSAGA, engadindo que “Galicia conta agora cunha folla de roteiro claro para seguir impulsando a transformación dixital do seu tecido agroalimentario”.
